Vai de libros

Un sempre pregúntase se realmente hai un lector para cada obra ou, máis ben, se cada libro convértese en moitos, simplemente pola pegada que pode deixar en cada persoa, sen que debamos asumir recibir a mesma influencia. Un libro reflicte o universo socio-cultural e ideolóxico do seu autor, aínda que sexa de xeito inconsciente. Un sistema de valores que acaba salpicando cada páxina que lemos.

Acaso non percibimos isto no “Resistencia” (Xerais, 2002) de Rosa Aneiros? E se imos a obras referentes como a “Democracia en América” de Tocqueville, non somos capaces de ver as súas eivas, cando só dedica un “breve comentario” a unha cuestión transcendental, como o mercado de escravos – capital fundador da revolución industrial inglesa – no desenvolvemento dos EEUU?

Ás veces, tan importante é o que se escribe, como se escribe e o que omitimos. Lectura crítica, para ser libres. Porque incluso os libros “para entreter” transmiten valores. Pero, non fagan caso destas “letras de cambio”. Para a semana pasen pola feira do libro de Ferrol. Xa saben que o peor que pode pasar é que as follas dos libros non teñan as marcas dos nosos dedos. Aínda que sexa por aquelo que dicía Manuel Rivas de que “os libros arden mal”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/vai-libros-4786908

A Violencia

Pensábamos que da pandemia saíamos mellor como sociedade. Pero, en breve puidemos constatar que non era así. Houbo quen decidiu que había que poñer en solfa todo aquelo que servía para unir á cidadanía. Como mínimo, a mala educación instalouse como “norma básica de convivencia”. A falta de empatía está á orde do día. Si, estamos na fin da historia, ou cando menos, parece que non haberá un mañá.

Así, a noticia máis impactante desta semana santa non será para moitos nin as dificultades para saír das procesións relixiosas, nin a choiva nin este vento ferido que nos empurra polos concellos de Ferrolterra. Si a morte dun pai golpeado polo seu fillo, feito tráxico recollido nas páxinas deste xornal. E estas cousas como poden suceder?

Obviamente, ocupa un grado superlativo nesa escala da violencia na que vivimos nesta sociedade post-covid, xunto ás agresións ás mulleres. Á marxe da situación concreta, dos feitos persoais que acaban alimentando a traxedia, como podemos freala e facerlle fronte?

A violencia é síntoma dunha sociedade enferma. Quizais necesitamos, de xeito urxente, preguntarmos cales son as causas da desgraza e buscar o camiño axeitado que nos faga mellores. Volver a Bertrand Russell.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/violencia-4778270

Ser Ferrol

Estes días, quizais, sexan un bo expoñente de como a cidade vai por un sitio e a política local por outro. Cantos de vostedes seguiron polo miúdo o último pleno municipal? Cantos saben dos favores que lle imos facer á Xunta asumindo competencias súas na nova proposta de orzamentos? Das promesas incumpridas, que leva a subir a presión fiscal ou a non facer desaparecer o radar da Malata?

Nin sequera a Semana Santa ferrolá serve para debater sobre o tipo de turismo que queremos. Mais, cales son esas novas propostas para facer fronte a ese malestar que, a poucos, vaise instalando na poboación local contra a masificación, así como contra os pisos turísticos e os barrios con estrés?

Somos e temos os mesmos problemas que calquera cidade europea. Hai moitas persoas que apostamos por un Ferrol vivo, onde o dereito á cidadanía sexa real. Unha cidade onde desenvolver cada proxecto de vida, onde a propaganda non afogue o día a día dos seus moradores. Onde a paixón sexa pola boa vida e o sufrimento unha cuestión da estética cultural. A pesar da choiva Ferrol está tomada pola xente, que ten gañas de vivir. Talvez por iso, o primeiro sexa ter fe en nós mesmos e nesta cidade que está a carón do mar. Ser Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/ferrol-4772412

Música na concatedral

O contexto é moi importante. Obvio. Tamén é certo que as miñas visitas á Concatedral de San Xiao, digamos, que son recentes. Saben que non son crente, pero si gusto da arte relixiosa. É dicir, son produto das miñas contradicións. Así, observándoa, lévame á aquelas palabras de Eduardo Galeano, que explicaba como o mundo fóra creado polos albaneis. Idea que compartía, de algún xeito, con Rodolfo Ucha que vinculaba toda a súa obra aos artesáns e á sabedoría dos seus oficios.

Creo que iso é certo. Que somos unha especie moi destrutiva, pero capaces de levantar todo un mundo novo que dá significado á nosa propia vida. Quizais, o único sentido sexa a transmisión do coñecemento e este alcanza toda a súa potencialidade cando transfórmase en beleza.

E partir de algo tan básico como a voz humana, aquí no terceiro ciclo de Música Sacra na Concatedral, deixa ás claras que a vontade de querer e ser son as que moven o mundo. A proba está no proxecto de García Mato á fronte de Concerto Tempo, na evolución e na calidade adquirida polo traballo constante. Escoitar música sacra neste Templo, entre outros a Haendel nas súas voces, a quen subscribe esta columna prodúcelle un certo síndrome de Stendhal.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/musica-na-concatedral-4763949

A muralla medieval

Acerta o actual goberno municipal cando apoia que os restos da escavación do castro de Esmelle queden en Ferrol. Poñendo, así, en práctica a resolución municipal votada a favor por todos os grupos, a iniciativa do socialista. É evidente que a cidade necesita dun museo municipal arqueolóxico para pór en valor o noso patrimonio cultural.

Tamén é o momento de reverter, aquela actuación do principio do actual mandato municipal, que tan mala imaxe trouxo, como foi o soterramento da muralla medieval. É o momento dun estudio que permita pensar e reordenar ese espazo urbano para recuperar a muralla, que fala dun Ferrol integrado no antigo reino de Galicia, do mesmo xeito que haberá outro – que seguramente ocupou o mesmo territorio – que se remontará á época castrexa.

A Cidade Ilustrada do século XVIII é unha parte fundamental que explica o que somos. Pero, as épocas anteriores necesitan do noso recoñecemento, respecto e posta en valor. Debemos ser fieis ao feitos e completar a nosa historia local. Eses tempos históricos son as capas que dan verdadeiro sentido a esta cidade que está deitada fronte o mar. O noso pasado – íntegro – é a raíz do noso presente, do noso xeito de entender e estar no mundo.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/muralla-medieval-4755427