Propaganda

Permítanme un apunte persoal. Ter vacinadas ás fillas axuda a unha maior tranquilidade, máis cando hai non tanto o presidente Feijóo dicía que non chegaban vacinas suficientes desde o goberno de España, xunto con ese estraño sistema de auto-cita para xente moza que estaba colapsado e nada sabíamos do que ía pasar antes de comezar o novo curso académico.

O problema, talvez, radica en que a Xunta de Galicia é sobre todo unha oficina de propaganda e para maior gloria de Pablo Casado, Feijóo está nunha dura pelexa coa señora Ayuso, nesa pretensión por ocupar o liderado do PP estatal. Así que unha boa parte do que acontece débese a esa necesidade que teñen de baterse, porque no que si están en sintonía, tanto a presidenta madrileña como o galego, é en usar a pandemia para facer máis recortes, tanto na sanidade como na educación públicas. Aínda non asumiron que o seu modelo quedou zarandeado neste tempo.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3105293/propaganda

Queremos Ferrol

Hai xusto unha semana, varios miles de persoas enchíamos a estrada de Castela en Ferrol. Ao mesmo tempo, o presidente Alberto Núñez Feijóo era recibido polo ministro Ábalos baixo unha luz de fotógrafos e medios de comunicación en Madrid. Desde a oficina de prensa da Xunta pretenderon vender que era unha cita de vital importancia, que quedaban despexados todos os obstáculos e que se implementaban o conxunto das infraestruturas galegas.

Vista a letra pequena, soubemos que Feijóo non estaba “en calidade” de presidente galego, senón que a súa única preocupación era a cidade herculina. Parabéns para ela. Pero, cando menos Feijóo podían non mentir ás nosas comarcas e saber que nós, tamén, temos dereito a ter infraestruturas adecuadas, unha autoestrada a prezo razoable, un ferrocarril moderno e unha vía de alta capacidade para a conexión coa costa. Queremos vida nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2796235/queremos-ferrol

Autoconfinados

Tras “salvar a campaña do nadal” agora, o presidente Feijóo, obríganos a confinarnos por tres semanas – na práctica – nas nosas casas e a que as rúas queden o máis baleiras posibles, a partir das seis da tarde. E xa ven, a Xunta non ten ningunha culpa, nin os recortes na sanidade pública, nin de que haxa “espabilados” que, acostumados a usar os recursos públicos como se fosen privados, vacinen aos seus por diante da xente en risco e por diante dos sanitarios da primeira liña.

Si, a culpa é de vostede. E do señor alcalde de Ferrol e dos policías municipais que non multan dabondo. A culpa é nosa, que non entendemos que a hostalería quede pechada (mentres os estudantes de fóra de Ferrol, onte pola tarde comían de bocadillo ás agachadas pola praza de España por non ter a onde ir). A culpa é nosa por desexar saír de xolda cando nin chegou a primavera.

Pero, agora xa foi. Autoconfinados. É o que toca.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/autoconfinados/20210126233918295658.html

Mans á cabeza

Agora que andamos pola metade de xaneiro, anda o presidente Feijóo coas mans á cabeza, moi preocupado polos rebrotes da pandemia (e polo temporal de Filomena). De aquela había que “salvar a campaña do nadal”, mais non lle desexo a ganancia. E isto que sabemos todos, pretende ser ocultado pola Xunta e os medios afíns, de aí – seguramente – a teima da administración autonómica de converter á hostalería en culpables do que non son. Ou andar xogando á pita cega con Ferrol e Narón…

Pero, si que hai discursos que quedan baleiros. O da suposta superioridade do privado sobre o público, o dos recortes no ensino e na sanidade públicos. Unha dereita que nin sabe xestionar nin como vai vacinar á poboación. Claro que sempre poden chamar a Casado e a súa pala en vez da UME de Zapatero, ou ante tanta sanidade precaria, igual Feijóo pásalles un de eses papeiños a que tan acostumados nos ten o chamán do Inferniño.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/mans-a-cabeza/20210112232730294869.html

Peches perimetrais

Si, como vostedes non sei cal é o criterio da Xunta de Galicia para decidir os peches perimetrais dos concellos, para agora si, agora non, agora estás dentro ou fóra. En principio, todo indica que o máis axeitado sería usar a área sanitaria comarcal ou, nun caso moito máis extremo, manter dentro das restricións e xuntos a aqueles concellos que conforman unha continuidade urbanística.

Así que xa esta semana, como moitos de vostedes, xa apartei todo intento de darlle un contido racional a todo isto. Primeiro Narón queda illado e despois quedan xuntos Ferrol, Fene e Neda e agora Ferrol e Narón quedan illados, respectivamente. Un galimatías que alimenta a idea de que o presidente Feijóo, ademais de facerlle oposición ao Goberno de España, faille oposición a moitas alcaldesas e alcaldes. A maiores, todo o mundo sabe que, por exemplo, en Narón moitos traballan fóra da comarca e de aí o seu problema.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/peches-perimetrais/20201208232545292976.html