Xeneral Aranguren

Hai quen rexeita as sociedades democráticas porque as mesmas, sempre, fan volver a memoria colectiva que obriga a sacar adiante a verdade histórica. Aqueles que crían que o tempo é o mellor aliado para o esquecemento, acaban descubrindo o contrario.

Da igual todos os obstáculos. As vías da memoria son innumerables. A literatura é unha delas. Así calquera pode facerse coa novela de Lorenzo Silva, “Recordarán tu nombre” (Destino, 2017). Libro que reflicte a historia do ferrolán e xeneral da Garda Civil José Aranguren Roldán.

Toda a trama recolle a decisión do Xeneral Aranguren, que con mando en toda a Garda Civil de Cataluña, négase a colaborar cos militares rebeldes. Un suceso clave que vai provocar o fracaso da sublevación fascista en Barcelona o dezanove de xullo de mil novecentos trinta e seis. Un militar católico e conservador, que moi lonxe dos postulados políticos da Fronte Popular, vai facer primar a súa fidelidade ao país defendendo a democracia.

Este libro non deixa de ser un favor á nosa cidade. Agora que pola Lei de Memoria Histórica van a mudar diversos nomes das novas rúas e prazas, Ferrol debera lembrar a este ilustre concidadán, ao xeneral de brigada José Aranguren. É de xustiza.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/xeneral-aranguren-4241797

A felicidade

O problema das palabras non está en que sexan polisémicas. Máis ben resulta que elas foron inventadas, non tanto para describir a realidade, senón para exercer o noso dominio fronte a inmensidade do mundo. O problema non radica no que se di ou se escrebe. Radica na nosa falta, na necesidade que temos en ocultar o devir dos días que, teoricamente, debéramos dominar pero que son eles os dominantes.

Así falamos de máis cando non queremos ver a realidade. Seguramente, cando un fala de alcanzar a beleza, non sexa máis que un xeito de nos enganar. Realmente, buscamos ese camiño á felicidade. Iso si, sen decatarnos que isto só vén dado de feitos aparentemente pequenos. Por exemplo: pola música na rúa ou un beixo inesperado. É dicir, a felicidade reside nas pequenas cousas. E isto é un hábito que debemos aprender, non hai outra vía posible (pola miña parte, eu procurarei gardar estas anotacións).

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/felicidade-3845707

Ortografía

Nunca pensaron que a ortografía ía coller tanta relevancia, verdade? É unha das cousas que trae a pandemia, máis cando moitas das relacións interpersoais estanse a dar a través das redes sociais, do WhatsApp, do Messenger e outras aplicacións. A falta do tradicional achegamento a través dos locais de ocio, agora ter a capacidade de escribir axeitadamente é necesario para causar unha boa impresión, á marxe de puntuais erros.

Claro que manter unha conversa escrita obriga a espir a alma. Así que recomendo tamén achegarse ás librerías e se me apuran, quizais para o que moitos están a pensar, viríalles mellor por exemplo Benedetti (“El amor, las mujeres y la vida”), e de aí a ter a sorte de poder pasar un fin de semana nun dos hoteis de Ferrol que si manteñen a súa actividade – grazas a esa necesidade da vida de buscar sempre unha alternativa – xa depende das capacidades das persoas de seducirse mutuamente.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/ortografia/20201201224807292609.html

Incendiario

Quería preguntarlles se consideran que a letra dunha canción pode reflectir vivencias propias? Séntense interpelados cando oen cousas como o que canta Robe Iniesta? “Todos din que son un incendiario, que acendo fogueiras só con falar”. Pero, tamén din que a verdade fainos libres fronte a aquelas e aqueles que queren impoñer un relato falso. Mais, xa non son tempos para a lírica, por iso repitan comigo: négome a pedir desculpas.

Si, négome a pedir desculpas e máis ante aquelas e aqueles que pactan contra Ferrol. Si, digan comigo: négome a pedir desculpas por ser coherente e esixir que os nosos partidos sirvan para o ben común. Digan comigo: négome a pedir desculpas por usar a cabeza contra todos os muros que pretenden illar a ese Ferrol vivo que queremos con paixón, que xa pode haber sentenzas do Supremo ou do Federal US, que faremos de Ferrol unha cidade libre e moderna para o combate da vida.

https://www.diariodeferrol.com/content/print/incendiario/20181024235722240063

Benditas feridas

Cando lean esta columna, vostedes xa saberán como foille á pontesa Sabela Ramil. Onte era unha noite decisiva para ela, e din as miñas fillas -moi enganchadas- que vai a continuar en “Operación Triunfo”. E como elas son expertas, e máis á idade que teñen (14 e 10), non teño dúbida de que será así. Pero, non crean que sigo o programa. Son dos que estima que un bo concurso televisivo non pode ter tantas secuelas. Mais, non deixo de darme conta das súas repercusións -xunto coa enorme divulgación vía redes sociais- e a proxección que está a ter esta comarca, a través desta muller.

O importante vén da súa determinación por cantar en galego. Algo agora case prohibido, e máis, ante torquemadas cutres e separatistas como Toni Cantó. Sabela con esta canción de Rosa Cedrón está a facer país. Si, este xesto tan sinxelo e tan arriscado é un xeito de saudable patriotismo. Aínda temos remedio, hai futuro.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/benditas-feridas/20181003230214238636.html