Zume de laranxa ou limón

De xeito amistoso e con moito humor, a política local e os seus protagonistas acaban de recibir os seus premios Laranxa (para os mellores) e Limóns (para os menos bos…). E posiblemente, as periodistas que seguen a política local – como case todas son mulleres, vou utilizar o xenérico femenino para nomealos a todos/as – están máis preto do que pensa a maioría da cidadanía. Así que parabéns para as mellores concelleiras e concelleiros. O resto, xa saben… a mellorar.

Pero, tamén é certo que non hai exercicio máis inútil que xogar a trasladar a que supostamente temos un goberno de malos malísimos, sen proxecto nin ambición. Quizais aínda algúns non saiban que precisamente son socios preferentes en Galicia dos socialistas. Quizais non saiban que, na práctica, nada hai fóra do goberno municipal, só a oposición do PP. O demais son fogos de artificio ou “sacarlle” o premio limón a Rey Varela. Feliz 2020.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/zume-de-laranxa-ou-limon/20191225214840271208.html

Fogo amigo

Este inicio do curso político non está resultando todo o que del podía esperar, o líder da dereita ferrolá José Manuel Rey, cando en principio tiña a vantaxe dos desencontros de FeC e do BNG co grupo socialista, que provocaron un goberno en solitario encabezado por Ángel Mato.

A recente visita da señora Conselleira da Vivenda a Ferrol Vello, Ángeles Vázquez, contou unicamente co edil popular, pero “esqueceron” convocar ao resto da Corporación e máis ao alcalde, impedindo así o diálogo e colaboración da que sempre presumen que ten que haber entre as diversas administracións.

Pero, si isto non abondaba a Consellería de Educación acaba de poñer en pé de guerra aos pais e nais do Cruceiro de Canido, coa demora dunhas obras da súa competencia. Non desculparse e pretender evadir as súas responsabilidades non deixa de ser outro erro máis.

En fin, o peor non son os adversarios políticos, senón o fogo amigo.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/fogo-amigo/20190911233356264517.html

Agosto finito

Acabaremos este mes sumando o final das festas de Ferrol coas Meninas de Eduardo Hermida. E, tras iso, mediado setembro, Ángel Mato cumprirá cen días como undécimo alcalde do noso concello.

Este mes de agosto déixanos un novo goberno moi presente nos medios de comunicación. Á novidade, á necesaria ocupación das distintas responsabilidades municipais, á organización desde cero e a fume de carozo das festas da cidade, súmase un dos sinais de identidade común a todas as sucesivas alcaldías socialistas (seguro que con acertos e erros) en Ferrol: temos un goberno a tempo completo.

Veremos en setembro – non sei se hoxe haberá un adianto no pleno de fin de mes – o tono da oposición. Tanto da oficial (PP), como da de aqueles que tiñan comprometido o seu apoio e, xa á primeira, decidiron deixar só ó PSOE. Na miña opinión, un erro que debérase corrixir. E unha petición para todos: sumen nos asuntos de cidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/agosto-finito/20190828224655263574.html

Xestión

Os primeiros meses despois dunhas municipais son moi duros para calquera novo goberno. Hai cousas que necesitan ser resoltas inmediatamente, como as festas da cidade, así como garantir que os distintos servizos e dependencias do Concello de Ferrol funcionan adecuadamente. Unha verdadeira carreira de obstáculos, e sorte se non atopas nada inesperado no fondo dun caixón.

Vemos, e este xornal así vaino recolléndoo, a determinación do novo goberno de Ángel Mato de abordar, con urxencia, todas as cuestións que afectan á cidadanía. Moitos son os asuntos que están sendo abordados e de diversa índole e importancia.

Por citar algúns: hai un seguimento exhaustivo das obras da nova praza de Armas, e así tamén, desa primeira fase do mercado de Caranza – temas ben amarrados por María Lemos no mandato anterior – ou que xa pasa ao pleno o documento económico – financeiro, antesala duns novos orzamentos municipais.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/xestion/20190815000239262732.html

Unha cidade difícil

Á noite do 26 de maio, Ángel Mato tivo moitas felicitacións e algunha visita inesperada. Todo indicaba que as esquerdas ían poñer en valor o que teñen en común. Esas coincidencias foron o argumento central para investir ao actual Alcalde de Ferrol. Pero, esas mesmas cousas parecen non permitir un goberno conxunto.

É entendible a cautela de Ángel Mato, prefire facer unha inversión a futuros en favor de consensos. Á marxe dos erros que poidan ter cometidos os negociadores, desde fóra non se entende ren. Todo sona a cotas persoais de FeC ou a que o BNG non ten ambición de goberno.

Resulta curioso que desde a sociedade civil ferrolá, e máis por aqueles que solicitan entrevistas cun goberno municipal que aínda non está nomeado, non premeran en favor dun goberno conxunto. Por poñer un exemplo práctico, probablemente neste mandato non haberá ningunha remunicipalización, é case imposible cun goberno en minoría.

——————–

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/unha-cidade-dificil/20190703234936259983.html

P.S. Quero agradecer tanto os comentarios favorables e, como non podía ser doutro xeito, tamén aqueles outros que – de xeito lexítimo – discrepan da miña opinión.

Incluso agradecer a lectura deste artigo, que vese que non resultou indiferente, a quen simplemente cre estar en posesión da verdade e usa a súa liberdade para descalificarme e, incluso, lanzar insidias (ningún foro dos que eu teña participado nestes últimos anos ten recibido subvención algunha).