Navantia emprega

Dicir que esta comarca e Ferrol teñen unha vinculación moi estreita coa construción naval é unha cuestión obvia. Está tan incrustado no noso xeito de entender e vivir que sen isto non seríamos o que somos. Incluso para aqueles que traballamos noutros sectores produtivos. Así que estamos acostumados a falar e a opinar sobre Navantia e sobre calquera cousa que lle afecte. Para ben e para mal.

Así levamos moito tempo dándolle voltas ás últimas directrices que están a desdebuxar a esta como empresa pública. Nos últimos tempos sen entender que pasa cos seus exames de acceso, cando historicamente foron unha garantía de limpeza na súa selección. A fiscalía para tranquilidade de todos debera investigar a denuncia, sobre as catro últimas contratacións dos técnicos superiores para o departamento de compras (feita neste caso pola CGT), xa que estas cuestións aquí non deixa indiferente a ninguén.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/navantia-emprega-3838466

Pedro Sánchez

Non será a súa primeira vez en Ferrol. Estivo como un descoñecido candidato a un primeiro mandato como secretario xeral do PSOE, co tempo e tras aquel “famoso” Comité Federal de 2016 recuperouno por desexo da militancia, obtendo en Ferrol maioría absoluta. A súa coordinadora de campaña para Galicia foi a actual concelleira de benestar Eva Martínez. Quen subscribe esta columna foi o interventor da súa candidatura na agrupación local.

Con Pedro Sánchez en Ferrol, ábrese definitivamente a construción das novas F110, que será o maior investimento en Navantia en décadas. Co hoxe presidente fíxose fronte á pandemia e á suba especulativas da enerxía e carburantes. Seguramente, a situación obrigou como nunca a apostar polo realmente importante: as persoas, fronte as insolidariedades das dereitas e ultras. O certo é que Pedro Sánchez preside o goberno español máis á esquerda de toda a nosa democracia.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/pedro-sanchez-3527086

Manuel Lago

Vaia por diante que non teño ningunha relación con Manuel Lago que, recentemente, acaba de ser nomeado conselleiro de Navantia. Nin coincidimos no campo sindical nin na filiación política. Pero, si son consciente de quen estamos falando. Persoa solvente, economista que leva toda a vida vinculada ao movemento sindical, profesor da Universidade da Coruña, ex director financeiro da TVG…

O seu currículum é o seu mellor aval. Obviamente, para ocupar un posto que depende do ministerio de Traballo, da ferrolá Yolanda Díaz, nunha empresa pública como da que falamos, non resulta estraño este nomeamento. Senón, a quen ían nomear? A “un amigo” de Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG?

Vén isto a conto, porque creo que as persoas merecen respecto e non ser insultadas por acceder a un posto de representación e máis se veñen avaliadas polo seu perfil profesional e social. Manuel Lago cumpre sobradamente.

Diario de Ferrol, 10 de Febreiro de 2021

Hai máis Ferrol

A mediados do século pasado nacía Caranza. Inicialmente, para solucionar as necesidades de vivenda dos traballadores da antiga Bazán, e iso conformou unha cidade con dúas almas. A oficial coa suma dos Ensanches á Magdalena e esta micro cidade, que hoxe busca ter o seu propio “centro” arredor da Avenida Castelao.

Se ben esa especificidade de Caranza foise matizando, houbo outros barrios que comezaron a ter unha certa vida independente do centro. O esquecido Ferrol Vello e, especialmente, Canido por dereito propio. Á marxe está o rural, onde cada lugar é un mundo.

Mais, a situación de crise e a desatención dos barrios, sobre todo nos últimos oito anos, acabaron por facer aparecer vidas alleas ao Ferrol oficial. Inferniño ou Ultramar son claros exemplos, tanto que achegarse ao Concello ou á Magdalena é “baixar a Ferrol”. Simplemente, direilles que necesitamos dun proxecto común e integrador de cidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/hai-mais-ferrol/20190619200337258990.html

As outras eleccións

Permítanme recomendarlle – a algunhas persoas – que deixen de mirar tanta enquisa local. Hai xente que ten os nervios desatados, incendian as redes sociais e outros, como vimos, usan malas artes en contra do candidato Ángel Mato.

De xeito paralelo ás locais hai eleccións sindicais, as primeiras cun ciclo económico favorable. No ámbito local hainas na siderurxia, na sanidade e no naval, por citar tres exemplos. É evidente o interese do que pase na antiga Bazán, tras a sinatura do seu último convenio e plan de empresa. Manterá CCOO a hexemonía? O que pase nas eleccións en Navantia, marcará todo o panorama sindical da comarca de Ferrol.

No país debera abrirse paso o novo Estatuto dos Traballadores, que están a negociar PSOE e sindicatos, fronte á reforma laboral que rachou con dereitos e que provocou unha baixada xeral de salarios. Hoxe a metade das e dos traballadores non gañan nin 1200€ ao mes.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/as-outras-eleccions/20190515191327256257.html