Vento, auga e enerxía

Estes días de ventos rachados, árbores caídos e vivendas afectadas, todos podemos contar como pasamos situacións, máis ou menos comprometidas. Pero, non hai nada como enfrontar os problemas, aínda que parezan que quedaron lonxe. Así as medidas do goberno de coalición encabezado por Pedro Sánchez, con aquilo da “excepción ibérica” logrou conter a voracidade das grandes multinacionais enerxéticas.

O certo é que España tivo unha factura eléctrica bastante menor, para as súas finanzas públicas, que países como Francia, Alemaña ou Italia. Nestes días que os prezos eléctricos están tan baixos, hai que lembrar que non é unha mera consecuencia destes ventos tolos e augas torrenciais que alimentan eólicos e encoros, senón produto de meter en cintura aos especuladores.

Mais hai unha tarefa pendente, que afecta ás nosas comarcas. Asegurar unha tarifa eléctrica axeitada á industria española, para que poida medirse coa súa homóloga, tanto europea como internacional. Cuestión que só será posible ante unha definitiva reforma do mercado eléctrico, tanto nacional como europeo, na liña do diálogo entre a Patronal do sector e os sindicatos UGT e CCOO cos ministerios de Enerxía e Transición Ecolóxica.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/vento-auga-e-enerxia-4143359

Pittsburg

Hai unha década houbo outra viaxe á sede central de Alcoa en Pensilvania. Daquela foi a cargo de Rajoy e Feijóo, crendo que con aquel acordo arranxaba o problema das súas factorías españolas. Craso erro e, por medio, metéronnos a todos.

Estes días cúmprense 8 anos das mobilizacións de Megasa en Narón. A instancia de Feijóo, o entón ministro Soria modifica a orde ministerial IET/2804/2012 pola que, para facilitar as demandas de Alcoa, provocaba competencia desleal entre empresas do mesmo sector con tarifas eléctricas desiguais. Iso sumado á privatización de Aznar e Rato, que consolidara un oligopolio de 5 grandes operadores eléctricos, provoca a tormenta perfecta.

Todos desexamos que os traballadores/as de Alcoa logren unha saída de futuro con esta visita da ministra socialista Reyes Maroto. Oxalá, pero resulta curioso que unha multinacional aposte pola nacionalización de facto de Alcoa – Cervo.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3058658/pittsburg

Os custes da electricidade

Onte, diante da Delegación do Goberno na Coruña, concentrábase o sector electrointensivo, que leva algúns anos con problemas estruturais, polo excesivo custe da electricidade, principal materia prima destas empresas.

Evidentemente, por moito que se espere que o recibo das tarifas – tanto para a industria como para os particulares – vaia a reducirse pola entrada masiva das novas enerxías renovables, o certo é que a xente non pode esperar a ver si iso vai ser así ou si o actual oligopolio eléctrico volverá ás andadas e farán o que queiran neste mercado refén que hoxe é España.

Hai empresas que xa adaptaron a súa produción aos custes eléctricos reducindo emprego. As “Alcoas”, e outras grandes industrias similares, necesitan un trato específico e que non dane os intereses do resto das empresas. En calquera caso, é necesario discutir que tamaño de sector público eléctrico queremos para este país.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/custes-da-electricidade/20200311215333276756.html

Mesa pola Industria

A dereita está botada ao monte e teñen pésima memoria. Foron Aznar e Rato quen privatizaron en 1997 as eléctricas e converteron Endesa nunha empresa privada. Quizais, cando acusan ao goberno socialista de “querer pechala”, realmente están a propoñer a súa renacionalización? Sería isto válido para Alcoa?

Tamén son responsables da Lei 6/1998 que “liberalizou” o chan, provocando a burbulla do ladrillo e a crise económica e bancaria do 2008 que “obriga” a Zapatero a modificar a Constitución. É Soria – a instancia de Feijóo – quen saca a orde IET 2013/2013 que modifica o sistema de interrumpibilidade, creando o actual caos nas industrias electrointensivas.

Sería axeitado un pouco de mesura por parte dos señores Tellado e Calvo e dos seus compañeiros do PP. Sería mellor que sumáranse á mesa proposta polo alcalde Ángel Mato, poñer propostas e solucións en común para Ferrol, As Pontes e esta comarca.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/mesa-pola-industria/20200115210903272604.html

Estatuto Electrointensivo

Este luns, o Goberno de Pedro Sánchez abría o prazo para alegacións ao novo decreto, que busca unha tarifa da luz máis axeitada para as empresas electrointensivas (Megasa, Alcoa, Ferrolatlántica…) e intentar resolver a situación creada polo PP. En 1997 Rato privatizou o sector público eléctrico e o ex ministro Soria, no 2013, modificou o sistema da interrumpibilidade a instancia de Feijóo. Nos últimos vinte anos a suba para o consumidor medio foi dun 120% e para a industria dun 150%.

O novidoso Estatuto Electrointensivo debera dar lugar a unha tarifa eléctrica máis competitiva co resto da UE. Pero tamén é imprescindible romper a actual ditadura eléctrica cun pacto de estado, decidir que tamaño de sector público eléctrico queremos recuperar. É certo que Alcoa necesita unha solución específica, así todas as distorsións desde o 2013 veñen dadas polo interese dos políticos por contentar a voracidade desta multinacional.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/estatuto-electrointensivo/20190320210020251713.html