Tres meses

Pasados tres meses, aqueles que estaban acosando ao goberno de Pedro Sánchez, pedían a fin do estado de alarma e que as Comunidades Autónomas asumiran a loita contra a Covid-19, agora piden o contrario.

Sabemos que, aparte de eludir as comparecencias de Feijóo para explicar se están facendo algo ou non, a Xunta de Galicia minte nas cifras de rastreadores, así o denunciaban os propios sindicatos sanitarios. Tamén pretenden distraernos da súa ineficacia, enleando ao Delegado do Goberno, como aos propios alcaldes e policías locais que carecen, obviamente, dos recursos da administración autonómica.

Nada sabemos dos centos de profesores que, a maiores, hai que contratar como reforzo e das melloras que os centros de estudio teñen que ter para poder acoller con garantías ás nosas fillas e fillos. Feijóo debe tomar nota da petición dos alcaldes de Ferrolterra, en definitiva que exerza como presidente da Xunta.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/tres-meses/20200818222927286556.html

Irresponsable

A actitude do presidente Feijóo é a propia de quen se considera irresponsable en materia política. Incapaz de asumir ningunha autocrítica, incapaz de amosar ningunha empatía coa traxedia destes días. De aí o apagón informativo inicial nos medios públicos que controla o PP, de aí buscar fóra responsables: Portugal, a veciñanza que non denuncia aos supostos pirómanos ou tramas organizadas que buscan evitar avaliar o que se fixo mal ou, simplemente, aquelo que non se fixo.

O certo é que a xente estivo soa, sen medios, sen brigadas contraincendios suficientes, sen saber ben como facer porque non se coñecen protocolos de actuación. É evidente que hai que aumentar os medios e o persoal, que non se poden permitir recortes ou que as cantidades asignadas non se executen. Que necesitamos unha política forestal e de recuperación de poboación no rural, que hai que ordenar en definitiva a nosa casa.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/irresponsable/20171018232933205918.html

Pechar filas

Os socialistas vimos de saber da renuncia do noso secretario xeral. José Ramón Gómez Besteiro xa está libre e defendéndose das acusacións dunha xuíza que pretende endosarlle facturas da época do PP de Cacharro na Deputación luguesa. A señora De Lara deberá probar todas as súas acusacións, porque hai tamén un amplo rexeitamento na propia cidadanía ante o que se considera unha intromisión ilexítima na política galega.

Este feito venlle moi ben á dereita galega. Por iso non teñen sentido premuras innecesarias. O PSdeG debe resolver en tempo e forma as súas primarias e o seu congreso galego. Non é de recibo que a aqueles que desde dentro alimentaron a saída de Besteiro lles entren as présas, máis cando son boa parte dos que se están descartando porque saben que ben non contan co voto cidadán ou xa son historia. Toca pechar filas coa xestora galega e coa súa presidenta Pilar Cancela.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/pechar-filas/20160324001710149783.html

Máis PSdeG, máis esquerda, máis galego

Logo-psdegDas eleccións galegas do 21 de outubro debemos extraer as conclusións acertadas que nos permitan rectificar e encamiñar de xeito adecuado a acción política, tanto da esquerda parlamentaria como social, para os vindeiros anos. Quizais por iso debemos salientar o contexto de crise, agudizada nos países do sur europeo, fundamentalmente polas deficiencias dos seus Estados de Benestar e nas súas democracias. Así, como o fracaso da esquerda social, que pese ás grandes mobilizacións cidadáns, non logrou traducir iso nunha maioría de esquerdas no Parlamento galego.

Dende o campo socialdemócrata deberíase repensar aquelo de Rosa Luxemburgo; de que o feito consubstancial ao capitalismo é a súa necesidade de acumulación de capital. E hoxe a globalización triunfante, neoliberal, na súa expansión a costa de todas as formas non capitalistas de produción, camiña cara á sociedade dual final, facéndose entón imposible toda nova expansión e polo tanto, a propia acumulación, xunto cos feroces antagonismos de clase e unha crise social permanente.

Os socialistas basean a súa forza na xestión do crecemento económico e na capacidade para redistribuír a riqueza; na súa capacidade de pór en marcha un pacto social (abolido pola dereita), aparentemente incapaz de entender que debe ser unha forza que combine a acción institucional e a mobilización social, coma verdadeira esquerda transformadora que é.

Ler artigo completo en Praza Pública (pincha aquí)

P.S.:

Publicado no nº 33 da revista Razón Socialista (Fuco Buxán).

Hai unha versión publicada no xornal El Correo Gallego o día 11 (pincha aquí).