Arquivo por etiquetas: acsur
Os hondureños vencerán ao ditador Micheletti
A Asociación Fuco Buxán e Acsur – Las Segovias co pobo hondureño e a democracia, contra a ditadura de Micheletti
FUCO BUXAN DENUNCIA:
A ilegalidade dun golpe que estado que pretende acabar cos intentos dunha América Latina que trata de vivir a súa propia historia, á marxe do control de USA e a explotación. O Golpe de Estado víñase formando desde hai un tempo, na medida da coincidencia de Honduras cos países da Alternativa Bolivariana para as Américas en vez de promovida polos grupos financeiros de EUA e a oligarquía hondureña (ALCA) e o paso no país dun réxime de dereita autoritaria a un de democracia participativa e popular.
O atropelo dos dereitos humanos da poboación civil, con prácticas de corte pinochetista: brutalidade policial, desaparicións, detencións arbitrarias, torturas…
A manipulación sistemática da información, no interior de Honduras e cara ao ámbito internacional, ocultando datos fundamentais do problema e presentando baixa forma caricaturesca, cando non totalmente calumniosa e incerta, a figura do Presidente Zelaya, elixido democraticamente pola súa poboación, pretendendo situar a súa incuestionable legalidade no mesmo nivel que aos cabecillas do movemento golpista.
Manifesto completo da Asociación Fuco Buxán co pobo de Honduras, contra o Golpe de Estado
ACSUR participa nunha misión internacional de solidariedade coa loita do pobo hondureño
Do 26 de xullo ao 1 de agosto, diversas redes, movementos sociais, ONG, organizacións de Dereitos Humanos e responsables políticos de Europa, Canadá e América Latina, entre eles ACSUR-LAS SEGOVIAS, participan nunha misión internacional en Honduras en solidariedade coa loita e resistencia da poboación hondureña ante o golpe de estado que sufriu o país o pasado 28 de xuño. Este golpe foi inmediata e rotundamente condenado pola comunidade internacional, a Organización de Naciones Unidas (ONU), a Organización de Estados Americanos (OEA), e a Unión Europea.
A Memoria dos Pobos Indíxenas en Sargadelos Ferrol
A Asociación Cultural Fuco Buxán e a ONG Acsur – Las Segovias presentarán este xoves 12 de marzo, ás 20 horas, na Sala Sargadelos de Ferrol, a Exposición Dialogada: “Memoria histórica, ferramenta de resistencia dos Pobos Indíxenas: contra o esquecemento e a non repetición”.
Será presentada por Manuel Cendán, directivo de Fuco Buxán e falará José Roberto Morales, do Centro para a Acción Legal en Dereitos Humanos (CALDH) de Guatemala.
Este acto está dentro das Xornadas de Pobos Indíxenas que do 9 ao 13 de marzo de 2009, estase a celebrar nas cidades de A Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol. Conta ademais coa colaboración do Concello de Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e o Centro Internacional de Prensa.
Lembrade: xoves, 12 de marzo, ás 20 horas na Galería Sargadelos de Ferrol.
Estivemos no Foro Social Galego
Como podedes comprobar polas fotos estivemos no FSGal. Hoxe é un gran día para o conxunto dos movementos sociais de Galicia, e obxectivamente, para o conxunto da esquerda política – social. Dentro de dous anos, na nova convocatoria do Foro poderemos ver, non o dubidedes, como tomou corpo este proxecto colectivo ao ancho do País.
Vaille vir ben á calidade democrática, ás Institucións e aos propios partidos a existencia do FSGal. Non vai competir con eles, pero si aspira a incidir e a transformala sociedade galega desde unha alternativa netamente á esquerda. Reflexións, propostas de acción e avance social. Teses, contra teses e sínteses.
Hoxe o FSGal empeza os seus primeiros pasos, pero o camiño andado é xa moi importante. Conquerir un espazo unitario desde a esquerda sindical ou cristiá, pasando por todas as familias políticas progresistas e un vario pinto tecido asociativo, resulta o gran éxito desta xornadas. Iremos vendo os debates e as conclusión a través da web oficial do FSGal. Alimentando o discurso e a práctica dos propios colectivos de base, pero tamén dos propios partidos progresistas, hoxe alleos ao acontecido neste espazo aberto en Compostela.
Fuco Buxán estivo presente os tres días. Na inauguración, nos debates, nos plenarios e na carpa das asociacións. Obviamente, os materiais gratuítos como o libro de Homenaxe a Díaz Pardo, ou os DVD de Acsur (NIB e Noticiario InterCultural), ou sobre as mulleres palestinas esgotáronse. Pero, tamén houbo lugar para a revista Razón Socialista, os nosos carteis de Nunca Xamais ou da celebración do Chile de Allende. Así, como os nosos libros e Fucos. E estivemos a carón da mesa do Comité Cidadán de Emerxencia.
Dentro do dous anos unha nova convocatoria transversal, un novo Foro Social Galego; mentres o traballo en rede e as actividades propias de cada colectivo a prol do outro mundo e outra Galicia que son posibles.
Estaremos no Foro Social Galego
Son consciente de que desde hai un mes teño un pouco abandonado o blog. Muitas cousas están a pasar, e que me impide ter a cabeza clara para poder escribir cun pouco de tranquilidade. Prosiguen as folgas en Megasa, disolveron a miña quenda de Laminación e pasei á sección de Acería; estiven traballando no número 25 da revista Razón Socialista, e entrevistáronme en Radio Filispim (escoitar audio).
Tamén, teño boas novas para mediados desta semana entrante: o festival o día 10 en favor de Cuba, no Teatro Jofre de Ferrol e unha nova – que ten que ver cunha amiga de Vigo – que ocurrirá o xoves 11 de decembro en Fene, e que aínda non queiro adiantar.
Máis este domingo 7 estarei en Compostela, representando á miña asociación no Plenario do Foro Social Galego. Dende o venres 5 de decembro a Asociación Cultural Fuco Buxán está a participar no mesmo.
O Foro Social Galego recolle a un centenar de entidades de toda Galicia, desde sindicatos de clase e agrarios, a Fundacións e asociacións socio-culturais, que apostan pola transformación social do planeta dende unha perspectiva de progreso e, obxectivamente de esquerdas. Supón a conexión de Galicia ao movemento internacional auspiciado polo Foro Social Mundial, e que ten a súa sede central en Brasil. Galicia súmase así tamén ao Foro Social Europeo.
A Asociación Fuco Buxán vai participar nos debates, así como na Carpa das Asociacións, cunha mesa propia, que será un divulgador durante esta fin de semana no FSGal, das actividades desta propia asociación cultural, das nosas publicacións audiovisuais (entre eles o vídeo protagonizado pola nosa ría contra Reganosa, e publicado dentro do acordo entre Fuco Buxán e Acsur no Noticiario Intercultural: “Ferrol, polo mar e a vida”), dos nosos libros e da nosa revista Razón Socialista; esta última xa leva 13 anos de existencia. Fuco Buxán naceu en 1999.
Este sábado 6, na Facultade de Filoloxía de Santiago, un dos puntos neurálxicos do FSGal, ás 12h, e a proposta de Fuco Buxán, do Comité Cidadán de Emerxencia e da ONGD Acsur – Las Segovias, celebrarase un debate que afecta á ría de Ferrol. Este celébrase baixo o título “Galicia, Territorio, Enerxía, Seguridade, Mobilización Social: O caso Reganosa”. Participarán: Manuel Rodríguez Carballeira (Voceiro do CCE e presidente de Fuco Buxán, Luz Marina Torrente (Presidenta da Plataforma de Veciños de Meá – Mugardos), os profesores Manuel Amorím e Carlos Álvarez e o ecoloxista Humberto Fidalgo.
O domingo 7, a Asociación Fuco Buxán, participará no Plenario das Asociacións do FSGal, no Auditorio de Galicia, onde se debaterán as propostas para os vindeiros tempos, a nova convocatoria do ano 2009 e a participación no Foro Social Mundial. O Foro Social Galego supón a consolidación dun movemento social transformador para outra Galicia e outro mundo que é posible.
Enlace ao programa completo do FSGal