Actitudes

Hai unha serie de prexuízos sobre Ferrol e as súas rúas baleiras e as súas xentes desaparecidas. Parece que se un vai a Lugo, ou a Vigo hai moito máis. Quizais Santiago comeza a pagar polo “vicio” dos seus pisos turísticos, que provoca unha emigración dos seus estudantes a outros campus. Ou se prefiren quedar na Coruña, e pasear pola súa rúa Real e polas que están á carón, igual observan ringleiras de comercios pechados (como no resto das grandes cidades), pero si moita xente paseando.

É dicir, a crise do 2008, ás sucesivas (incluída a da pandemia), afectaron a todos por igual. Vese nas súas trazas urbanas, pero igual cren máis en eles mesmos que as xentes de Ferrol na súa cidade e nas súas propias posibilidades. Seguramente, ser unha cidade creada polo Estado ten as súas vantaxes. Pero, pola contra, aquí parece que todo depende de fóra e por iso estamos nesa eterna espera de non se sabe que.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/actitudes-3784776

Bon tempo

Levamos uns anos que temos o tempo “un pouquiño mareado”. Na mesma semana temos xeo, frío, calor e auga, manga curta e dobre. Resulta rechamante que nestas datas, acabadas de nadal, a estes “días primaverais” por momentos, todos – prensa incluída – dámoslles a etiqueta de “bon tempo”. Lonxe quedan aqueles invernos rigorosos, onde comezaba a chover en setembro e non paraba até o mes de xuño.

Así vese, novamente, a importancia da linguaxe e a nosa subxectiva visión de curto prazo. Baixo este traxe, en Ferrol, non somos quen de ver que tamén estamos a padecer unha situación de crise climática. Afortunadamente, aínda non azoutan os fenómenos medioambientais doutras zonas do país.

O que si, xa afecta á nosa vida. Díganllo, por exemplo, ás xentes do campo coas colleitas queimadas, ou nós mesmos, que – ante esta confusión de estacións – non sabemos que roupas poñer ou comprar para o día seguinte.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/bon-tempo-3367326

Mesa pola Industria

A dereita está botada ao monte e teñen pésima memoria. Foron Aznar e Rato quen privatizaron en 1997 as eléctricas e converteron Endesa nunha empresa privada. Quizais, cando acusan ao goberno socialista de “querer pechala”, realmente están a propoñer a súa renacionalización? Sería isto válido para Alcoa?

Tamén son responsables da Lei 6/1998 que “liberalizou” o chan, provocando a burbulla do ladrillo e a crise económica e bancaria do 2008 que “obriga” a Zapatero a modificar a Constitución. É Soria – a instancia de Feijóo – quen saca a orde IET 2013/2013 que modifica o sistema de interrumpibilidade, creando o actual caos nas industrias electrointensivas.

Sería axeitado un pouco de mesura por parte dos señores Tellado e Calvo e dos seus compañeiros do PP. Sería mellor que sumáranse á mesa proposta polo alcalde Ángel Mato, poñer propostas e solucións en común para Ferrol, As Pontes e esta comarca.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/mesa-pola-industria/20200115210903272604.html

Populares

Agora que Rajoy xa non é presidente, o Partido Popular e a propia Xunta de Galicia xogan a ser máis reivindicativos que ninguén. De feito, se viñera alguén de fóra e non coñecera a cousa política local, poderían crer que eles son “radicais antisistema” ou “anticapitalistas”.

O certo é que a transición enerxética comezou hai trinta anos pero ninguén fixo caso. O certo é que Endesa fai o que fai porque é unha empresa privada e busca optimizar os seus beneficios empresariais e carece de controis públicos, o certo é que as privatizacións do mercado eléctrico están na orixe da actual situación e ten efectos colaterais noutras empresas desta comarca.

Pero, a única alternativa do PP é seguir coa “doutrina Rato”, actual inquilino de Soto del Real. O problema é sentarse e, por unha vez, lograr un compromiso real que permita a esta comarca marcar unha folla de ruta respaldada por todos os axentes sociais.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/populares/20191009221804266350.html

Feliz 2019!

Si, son consciente das eivas herdadas da gran depresión social que arranca coa crise do 2008. E aí están os informes achegados nos derradeiros días do 2018 por entidades que traballan con usuarios e usuarias da Cociña Económica, do albergue de Caranza ou de Cáritas en Ferrol. Que haxa un aumento, tanto por parte da poboación local, de persoas transeúntes ou migrantes, deixa ás claras que a recuperación afunde as súas raíces nunha desigualdade estrutural.

Se engadimos a constante perda de poboación, unha menor natalidade produto da emigración e do precariado laboral e que nin sequera somos unha cidade atractiva para consolidar un maior nivel de persoas estranxeiras, temos unha foto infeliz. Necesitamos dun acordo por Ferrol.

A pesar das incertidumes para este novo ano, permítanme un poso de optimismo. Creo que o futuro non está escrito, trátase de sumar para dar lugar a unha vontade colectiva.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/feliz-2019/20190102201120244531.html