#FeijóOFF

O Presidente Feijóo iniciaba onte a precampaña co debate parlamentario da situación galega. Vaino ter moi difícil, a pesar da morea de iniciativas que van vir do seu novo Conselleiro Rey Varela, pero que so é un recoñecemento de que as políticas económicas da dereita son as culpables de que a xente viva moito peor.

Ata que se convoquen as autonómicas viviremos nas incertezas da crise. Aqueles que crían que a política non tiña influenza na súa vida deben estar tirándose dos pelos. Que mal lle sentaron a este país a liberalización do chan de Rato e Aznar e o austericidio de Feijóo! Precariedade e emigración.

Temos a un Feijóo que non logra tapar os seus propios buratos, que só móvese a golpe de mobilización cidadá. Os tempos son chegados para un Besteiro que lidera a nova alternativa galega, á marxe de que antes toca renovar ao PSdeG en cidades como Ferrol.

DF15out2015

De Saldo

O expresidente Aznar e o seu exbanqueiro Rodrigo Rato liberalizaron o chan, provocando a burbulla inmobiliaria e a situación que padecemos. O presidente Feijóo non atopou mellor saída que vender os activos galegos e poñelos de saldo. Xa non quedan grandes empresas en mans do país. O Galicia Calidade resulta ser mera propaganda autocomplacente.

Unha de esas empresas que se venderon de saldo foi a nosa Caixa Galicia. Creada do esforzo e os aforros das nosas xentes e que cunha neglixente xestión foi, dolosamente, bancarizada para finalmente vender á banca privada venezolana.

Agora, os novo donos de Abanca acaban de facer saber aos seus empregados as súas normas. Tanto eles, como os seus familiares, deben pedir permiso para ter compromisos políticos ou sindicais. Evidentemente, trátannos como unha república bananeira. Grazas a Feijóo, somos un país de saldo.

Enlace a Diario de Ferrol.

Feijóo espera

Os traballadores de Megasa queren ser recibidos polo Presidente de Galicia e non por capricho. Foi el quen abanderou a defensa daquela multinacional afincada na mariña lucense. Atravesou o Atlántico para ir falar cos propietarios e obrigou ao Ministro de Industria a modificar as bonificacións da chamada interrumpibilidade eléctrica.

Mais, esqueceron ter unha visión global e facendo oídos xordos ás alarmas da Comisión Nacional da Enerxía, sobre os riscos de provocar situacións de discriminación e competencia desigual, provocáronlle a Megasa e aos seus traballadores un grave problema.

Di o Conselleiro de Industria que están facendo xestións para restituír o dano causado. Aquí, tamén é necesario o compromiso explícito do Presidente. Para reforzar a presión sobre o Goberno de España e para tranquilizar ás familias. Pero, Feijóo espera… a que escampe.

Enlace a @DiarioFerrol.

Entrevista do Comité de Megasa e Alcaldes co Conselleiro de Industria

Entrevista Comité Megasa e Alcaldes co Conselleiro de Industria.

Entrevista Comité Megasa e Alcaldes co Conselleiro de Industria.

Nota do Comité de Empresa de Megasa Siderúrxica S.L.

Unha delegación deste Comité, acompañados pola Comisión de Alcaldes acudiu onte á chamada do Conselleiro de Industria da Xunta de Galicia, Sr. Francisco Conde.

Os traballadores de Megasa seguirán coas mobilizacións, unha vez que aínda non temos constatado unha solución definitiva, en defensa dos nosos empregos.

No día de onte, unha delegación do Comité de Empresa, acompañados pola Comisión de Alcaldes de Ferrolterra, Eume e Ortegal (que neste caso, estaban representados polos Alcaldes de Ares, Ferrol, Narón e S. Sadurniño), estivemos reunidos co Sr. Conselleiro de Industria e Enerxía da Xunta de Galicia, Sr. Francisco Conde; ao cal agradecemos o feito de ser convocados por el; así tamén, o noso agradecemento aos respectivos alcaldes que nos acompañaron.

O motivo da xuntanza, en San Caetano, foi coñecer as xestións que dende a Xunta están a desenvolver, en relación coa problemática de competencia desigual creada pola recente orde do Ministerio de Industria sobre a interrumpibilidade, e que dá vantaxes nas bonificacións da tarifa eléctrica a un competidor directo da empresa Megasa.

Este Comité de Empresa quere manifestar:

  1. Que sigue á espera de concretar unha xuntanza co Sr. Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Entendemos que precisamente a situación que estamos a padecer, require precisamente dunha intervención directa do Sr. Presidente, tendo en conta o seu peso específico dentro do PP e a súa liña directa co Sr. Ministro Soria e o Sr. Presidente Mariano Rajoy.

  2. Este Comité de Empresa foi informado polo Sr. Conselleiro da existencia dunhas alegacións da Xunta ante o Ministerio de Industria e que “coñeceremos unha vez sexan publicadas pola Comisión Nacional da Enerxía”; así como da esixencia da Xunta para que dentro do mesmo sector siderúrxico todos “teñamos as mesmas normas de xogo”. Descoñecemos, polo tanto, como vaise concretar realmente estas dúas cuestións esenciais, alén das propias palabras do Sr. Conselleiro.

  3. Aínda así, entendemos que vanse a manter a discriminación ao apostar, tanto a Xunta como o propio Ministerio de Industria, por dous escalóns de acceso ao servizo da interrumpibilidade: o de 5 e o de 90 megawatios. Trasládamoslle ao Sr. Conselleiro as nosas inquedanzas de que ao final non haxa igualdade real ao manterse estes dous escalóns; así como as nosas críticas ás rixideces actuais para o seu acceso.

  4. Evidentemente, mentres non estemos na final do problema os traballadores e familias de Megasa seguiremos coas mobilizacións, conscientes da importancia de manter viva a presión sobre os políticos do Partido Popular. Eles causaron o problema, e eles o teñen que solucionar.

 En Narón, a 20 de setembro de 2013.

Comité de Empresa de Megasa Siderúrxica S.L.

A golpes

Ferrol tivo un mal comezo de campaña, por culpa da incapacidade da dereita en dar a cara e cambiar políticas. A carga policial – contra os traballadores de Navantia e Poligal – así como a detención de Pintos, supón abrir as portas a unha espiral claramente irresponsable.

O alcalde José Manuel Rey Varela e o presidente da Deputación, Diego Calvo – que coa súa saída pola porta traseira provocaron a situación – teñen que se desculpar ante os traballadores e o conxunto da cidade. Eles son os responsables políticos do acontecido, os traballadores as vítimas.

En democracia non é tolerable desenvolver unhas eleccións con publicidade enganosa, enquisas cociñadas por medios afíns e represión. Buscan crear medo e a desmobilización dos cidadáns. Fronte aos golpes con que algúns están empeñados en lembrarnos a longa noite de pedra… Agrupémonos todos!

Publicado no Diario de Ferrol o 9 de outubro de 2012.