De Saldo

O expresidente Aznar e o seu exbanqueiro Rodrigo Rato liberalizaron o chan, provocando a burbulla inmobiliaria e a situación que padecemos. O presidente Feijóo non atopou mellor saída que vender os activos galegos e poñelos de saldo. Xa non quedan grandes empresas en mans do país. O Galicia Calidade resulta ser mera propaganda autocomplacente.

Unha de esas empresas que se venderon de saldo foi a nosa Caixa Galicia. Creada do esforzo e os aforros das nosas xentes e que cunha neglixente xestión foi, dolosamente, bancarizada para finalmente vender á banca privada venezolana.

Agora, os novo donos de Abanca acaban de facer saber aos seus empregados as súas normas. Tanto eles, como os seus familiares, deben pedir permiso para ter compromisos políticos ou sindicais. Evidentemente, trátannos como unha república bananeira. Grazas a Feijóo, somos un país de saldo.

Enlace a Diario de Ferrol.

Desencaixados

https://i2.wp.com/2.bp.blogspot.com/_7emEBsVyxGg/SbGuemC09OI/AAAAAAAAEOw/3MS0zKlDLhI/s400/magazine_img_826_0.jpg

Hai máis de vintecinco anos elixín Caixa Galicia porque era banca pública, e a pesar dos defectos e interferencias, tiña como eixos de actuación a defensa dun territorio chamado Galicia e dun pobo traballador específico, os galegos.

Daquela xa falábase da xestión privada para dar un “mellor servizo” e garantir a súa “competitividade”. Vimos co paso do tempo como con ese criterio fomos perdendo algo que era patrimonio común noso. Foi a escusa para o pelotazo urbanístico e traspasar activos públicos ao privado. Roubáronnola.

Nas cousas importantes, e que condicionan a vida das persoas, non dá igual a xestión pública ou privada. O capital, a súa xestión e as súas prioridades non son cuestións inocuas. A xestión privada introduce un elemento contra as persoas: a existencia dun lucro que converte os dereitos dos cidadáns en mercancía; hipotecándonos.

Enlace ao Diario de Ferrol (columna Letras de Cambio).

Money

Poden atopar na Rede, en versión de Liza Minnelli ou de Nacha Guevara, aquela coñecida canción chamada “Money”. Agora, convertida xa na banda sonora dos ex directivos da Nova Caixa Galicia, que recibiron unhas cuantiosas indemnizacións a costa dos cartos que todos nós puxemos.

Mais, creo que ninguén quedou sorprendido polo acontecido. Mentres, todos estamos a nos afogar por culpa da banca e dos especuladores que aproveitan para reducir dereitos, salarios e condicións de traballo da maioría da poboación; podemos comprobar como a política de entrega de capital financeiro público aos Mercados, leva ao mesmo sitio. A sacar unha boa tallada, sen pudor, sen vergoña en beneficio dos mesmos culpables.

Agás a coruñesa Mar Barcón, que axeitadamente presentou a súa dimisión como membro do Consello de Administración da Caixa, ninguén sálvase da queima. O Goberno Zapatero por poñer á fronte do Banco de España a un señor de dereitas como Ordóñez, a Xunta de Galicia cun Feijóo que xa ten bastante con ter quintuplicado a débeda galega e uns conselleiros da propia Caixa que están ás súas cousas e non para defender o ben común.

A renuncia a facer das Caixas unha banca pública en beneficio da política económica e social do País, leva a ter que asumir que como ben di a canción “os cartos poñen ao mundo a andar[…] diso estou seguro, pois son pobre”. Mentres o PP ferrolán reduce as becas para comedores escolares.

 Enlace a Diario de Ferrol.