Poligal

Hoxe á tarde hai un pleno moi importante en Narón ás dezanove horas. Especial, porque van tratar da vida da xente, de como xogaron con elas e con eles durante moitos anos. Os xestores de Poligal nunca tiveron espírito empresarial, todo -e en primeiro lugar o seu persoal- eran números sobre un papel. Sempre buscaron beneficios rápidos, e para iso usaron todos os instrumentos legais ao seu alcance.

Hai que sentar ao Grupo Peralada co comité de empresa e buscar unha saída en favor do emprego. Débenllo ao conxunto do seu persoal, entre moitas cousas porque o seu foi un calvario prolongado durante décadas. Débenllo, o conselleiro de industria e o presidente da Xunta, porque a súa reforma laboral foi letal para os dereitos dos traballadores e para a economía deste país. Hoxe defender a esta comarca e a Galicia ten nome propio, o de cada traballador de Poligal. Non hai escusa. Poligal, futuro.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/poligal/20190227204323249731.html

Reina

Reina

Aqueles que provocaron a crise, fixéronnos pagar as súas débedas en forma de preferentes, recortes sociais e tamén, en dereitos. Pero, queren aínda máis. Substituír a democracia polos seus capichos e pola nosa submisión.

Hai un caso claro en Poligal. Os traballadores cargaron, en exclusiva, con todo o paquete para asegurar os beneficios patronais. Agora, a Empresa deslealmente vai a por Reina, secretario do comité. Dende hai tempo, perseguido e difamado por ser un bo tipo e por ter dignidade.

Este venres Beatriz Sestayo amosaba a solidariedade dos socialistas ferroláns cos traballadores que están sendo acosados nas empresas, singularizándoo en Reina. O despedimento disciplinario contra Reina é intolerable. Poligal debe rectificar, están en débeda cos seus traballadores e tamén con Ferrolterra. É unha agresión contra todos nós como sociedade democrática.

Enlace web ao Diario de Ferrol.

A golpes

Ferrol tivo un mal comezo de campaña, por culpa da incapacidade da dereita en dar a cara e cambiar políticas. A carga policial – contra os traballadores de Navantia e Poligal – así como a detención de Pintos, supón abrir as portas a unha espiral claramente irresponsable.

O alcalde José Manuel Rey Varela e o presidente da Deputación, Diego Calvo – que coa súa saída pola porta traseira provocaron a situación – teñen que se desculpar ante os traballadores e o conxunto da cidade. Eles son os responsables políticos do acontecido, os traballadores as vítimas.

En democracia non é tolerable desenvolver unhas eleccións con publicidade enganosa, enquisas cociñadas por medios afíns e represión. Buscan crear medo e a desmobilización dos cidadáns. Fronte aos golpes con que algúns están empeñados en lembrarnos a longa noite de pedra… Agrupémonos todos!

Publicado no Diario de Ferrol o 9 de outubro de 2012.