Queremos Ferrol

Hai xusto unha semana, varios miles de persoas enchíamos a estrada de Castela en Ferrol. Ao mesmo tempo, o presidente Alberto Núñez Feijóo era recibido polo ministro Ábalos baixo unha luz de fotógrafos e medios de comunicación en Madrid. Desde a oficina de prensa da Xunta pretenderon vender que era unha cita de vital importancia, que quedaban despexados todos os obstáculos e que se implementaban o conxunto das infraestruturas galegas.

Vista a letra pequena, soubemos que Feijóo non estaba “en calidade” de presidente galego, senón que a súa única preocupación era a cidade herculina. Parabéns para ela. Pero, cando menos Feijóo podían non mentir ás nosas comarcas e saber que nós, tamén, temos dereito a ter infraestruturas adecuadas, unha autoestrada a prezo razoable, un ferrocarril moderno e unha vía de alta capacidade para a conexión coa costa. Queremos vida nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2796235/queremos-ferrol

Astano

A dixitalización dos vinte e cinco mil planos de buques do Astano que vai de 1942 ata as portas da reconversión dos oitenta, así como arquivar sesenta e sete mil fotografías do estaleiro fenés, indubidablemente, é un traballo a agradecer a Exponav e ó seu persoal. É un xeito que documentar unha actividade industrial e dun xeito de entender a vida.

Pero, tamén, faltan estudios sobre as relacións da Armada con Ferrolterra ou co movemento obreiro nacido ó calor do naval. Boto en falta estudios desde o punto de vista histórico, antropolóxico, incluso psicolóxico, do proceso de reconversión de Astano.

Fun testemuña dunha parte da loita contra a reconversión dos traballadores deste estaleiro. Certo, hai responsables máximos – algúns deles hoxe estorbándolle no PSOE a Pedro Sánchez – máis, este foi un proceso que provocou rupturas internas en todos os partidos da esquerda e nos sindicatos de clase da época.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/astano/20201117231748291714.html

Tres meses

Pasados tres meses, aqueles que estaban acosando ao goberno de Pedro Sánchez, pedían a fin do estado de alarma e que as Comunidades Autónomas asumiran a loita contra a Covid-19, agora piden o contrario.

Sabemos que, aparte de eludir as comparecencias de Feijóo para explicar se están facendo algo ou non, a Xunta de Galicia minte nas cifras de rastreadores, así o denunciaban os propios sindicatos sanitarios. Tamén pretenden distraernos da súa ineficacia, enleando ao Delegado do Goberno, como aos propios alcaldes e policías locais que carecen, obviamente, dos recursos da administración autonómica.

Nada sabemos dos centos de profesores que, a maiores, hai que contratar como reforzo e das melloras que os centros de estudio teñen que ter para poder acoller con garantías ás nosas fillas e fillos. Feijóo debe tomar nota da petición dos alcaldes de Ferrolterra, en definitiva que exerza como presidente da Xunta.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/tres-meses/20200818222927286556.html

Os nosos areais

É certo que son medidas impopulares na veciñanza daqueles concellos sen praia. Pero, existen en moitos lugares – desde hai anos – pretendendo ser un freo á masificación das praias e dos seus contornos naturais. Si, ter zona de aparcadoiro reservado á poboación censada é unha forma de populismo. Mais, quen pode defender que as diversas poboacións locais non teñan acceso aos areais que teñen a carón das súas parroquias ou barrios?

Nos últimos anos están a chegar, cada vez máis, un maior número de turistas. Quizais vai sendo hora de pensar que tipo de negocio queremos, o que é obvio é que non queremos turismo de botellón, como así xa pasa en determinados concellos do sur de Galicia. Quizais, a nivel comarcal, este sexa un bo asunto para tratar conxuntamente polos nosos alcaldes e alcaldesas, intentar consensos e a integración dos intereses de toda a veciñanza de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/os-nosos-areais/20200715002516284567.html

Veredicto

O noso entorno inmediato terá alcaldes socialistas en Neda, Pontedeume, Cerdido, Cariño, Ortigueira, Capela, As Pontes, Monfero, Ares, Valdoviño e Miño. Así o apunta a lóxica política e matemática. Este resultado, nas comarcas do nordés da provincia da Coruña, pon na man do PSdeG a Deputación, que debe ser sumada ás de Pontevedra e Lugo.

Pero, o Partido Socialista recibe unha dura derrota en Ferrol. Non hai escusas. Non hai alcaldesa, nin lista maioritaria. Toca autocrítica, responsabilidades e cumprir cos compromisos adquiridos coa cidadanía. O primeiro que a candidata asuma o seu propio resultado, abandonando o Parlamento para encabezar o novo grupo socialista no Concello. Así, tamén, a fragmentada esquerda ferrolá debe resolver a prol da cidade, reflexionar sobre a súa fraxilidade e sacar conclusións adecuadas do ruxe-ruxe da xunta electoral de onte.

Enlace web a Diario de Ferrol.