Orcas

Foto do Diario de Ferrol

Estes días estivemos atentos a como unha morea de candorcas tiñan incidentes con varias embarcacións de recreo, que navegaban preto das nosas costas. A verdade que son cousas que teñen pasado noutros momentos, incluso ás xentes que practican surf. É entendible as incomodidades e sustos que este tipo de cetáceos producen nas e nos afectados, pero tamén é certo que nós “non somos donos das súas augas”, para elas somos uns elementos estraños que “okupan” o seu ecosistema.

Por iso, é necesario cuidar a nosa linguaxe. Aquí tamén vese que as palabras non son inocentes. Serven para construírmos un mundo á medida dos nosos intereses. O certo é que somos a súa zona de paso, veñen desde onde – nos tempos antigos – considerábase estaban as columnas de Hércules, cara ao norte. E como ben saben, estes cetáceos son unha especie protexida e iso, tamén, é por causa de como estamos a esnaquizar o medio ambiente.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/orcas/20200922230420288579.html

De Saldo

O expresidente Aznar e o seu exbanqueiro Rodrigo Rato liberalizaron o chan, provocando a burbulla inmobiliaria e a situación que padecemos. O presidente Feijóo non atopou mellor saída que vender os activos galegos e poñelos de saldo. Xa non quedan grandes empresas en mans do país. O Galicia Calidade resulta ser mera propaganda autocomplacente.

Unha de esas empresas que se venderon de saldo foi a nosa Caixa Galicia. Creada do esforzo e os aforros das nosas xentes e que cunha neglixente xestión foi, dolosamente, bancarizada para finalmente vender á banca privada venezolana.

Agora, os novo donos de Abanca acaban de facer saber aos seus empregados as súas normas. Tanto eles, como os seus familiares, deben pedir permiso para ter compromisos políticos ou sindicais. Evidentemente, trátannos como unha república bananeira. Grazas a Feijóo, somos un país de saldo.

Enlace a Diario de Ferrol.