Expocidades

Agora que a Praza de Armas é xa un lugar de encontro, tras a Semana Santa tivemos a “Expocidades” do Eixo Atlántico. Unha trintena de casetas dos principais concellos do norte de Portugal e Galicia, centradas na promoción turística e gastronómica (e no noso caso tamén na nosa candidatura a patrimonio mundial pola Unesco), á que seguirá a mediados de xuño unha versión musical no Auditorio Municipal de Ferrol.

Pero, é moito máis que un simple evento turístico. A presenza da alcaldesa de Narón Marián Ferreiro e da actual presidenta do Eixo Atlántico e alcaldesa de Lugo Lara Méndez, ademais tendo como anfitrión ao alcalde de Ferrol Ángel Mato, denota a importancia estratéxica que ten para o hínterland que formamos o norte de Galicia. Xa saben, persistir, sumar esforzos por unha causa común que debera darlle un novo pulo a estes territorios e, polo tanto, á nosa presenza no país e na Unión Europea.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/expocidades-3756067

Mans á cabeza

Agora que andamos pola metade de xaneiro, anda o presidente Feijóo coas mans á cabeza, moi preocupado polos rebrotes da pandemia (e polo temporal de Filomena). De aquela había que “salvar a campaña do nadal”, mais non lle desexo a ganancia. E isto que sabemos todos, pretende ser ocultado pola Xunta e os medios afíns, de aí – seguramente – a teima da administración autonómica de converter á hostalería en culpables do que non son. Ou andar xogando á pita cega con Ferrol e Narón…

Pero, si que hai discursos que quedan baleiros. O da suposta superioridade do privado sobre o público, o dos recortes no ensino e na sanidade públicos. Unha dereita que nin sabe xestionar nin como vai vacinar á poboación. Claro que sempre poden chamar a Casado e a súa pala en vez da UME de Zapatero, ou ante tanta sanidade precaria, igual Feijóo pásalles un de eses papeiños a que tan acostumados nos ten o chamán do Inferniño.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/mans-a-cabeza/20210112232730294869.html

Vacacións en corentena

Algúns, que indubidablemente somos privilexiados porque aínda temos onde traballar, tivemos as vacacións nas primeiras etapas do desconfinamento. Pero, decidimos non marchar, non por falta de gañas, nin sequera por temor a ser contaxiados, senón – sinxelamente – por temor a que un rebrote nos collera fóra da casa e obrigárannos a quedar, de novo, confinados e sen data determinada para volver a Ferrol.

Supoño que para moitos isto é unha esaxeración, pero quizais optamos pola vella forma á antiga. Ás veces, o mellor está preto da casa. Acaso non temos as mellores praias e areais, non temos marabillas nos camiños da nosa natureza? Onte falaba cunha amizade dunha ruta ao longo do Xuvia e a Presa do Rei; na miña cabeza agolpábanse os vellos veráns pasando alí as tardes, cando os máis maiores atravesaban madeiros entre as ramas das árbores e saltar desde aí (quen se atrevía) para nadar no río.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/vacacions-corentena/20200728233743285358.html

Bonifacio Borreiros

A Bonifacio coñecino da man de Carmelo Teixeiro ao calor das municipais de 1991. Era o secretario xeral da comarcal e deputado autonómico polo PSdeG, Carmelo era entón o secretario de organización. Foron anos intensos, moitas cousas vividas, ata leváronnos ao xulgado por defender Ferrol, tíñamos razón -e gañamos aquel xuízo- pero case quedamos de aquela expulsados das filas socialistas. Eu era un mozo que foi aprendendo dos dous moitas cousas, igual iso explica a miña rebeldía.

O dezanove de xuño vai haber unha homenaxe a Bonifacio en Narón. A cargo da Asociación de Amigos do Arte, en forma de primeiro premio de pintura, cunha inauguración onde estarán uns bos amigos del, como o presidente González Laxe -xuntos compartiron militancia no PSG e responsabilidades na Xunta- ou como o libreiro Álvaro Espilla. Así como Narciso Pillo, Andrés Pena e Julia Dopico Vale. Parabéns pola iniciativa.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/bonifacio-borreiros/20180523235049226635.html

Megasa incumpre

Megasa181214

Esperábamos un nadal en paz, crendo que o peor xa pasara. Pero, Megasa quere deixar un mal regalo de reis. Desde a xerencia din que lle “sobran” 47 empregos. Que todos os esforzos destes anos dos seus traballadores, Concello e da propia veciñanza non serven para nada.

A dirección pretende sacar fóra de Xuvia as negociacións sobre o despedimento colectivo e da modificación das condicións de traballo. Os motivos: evitar a presión social. Non queren nin luz nin taquígrafos. Non queren que se lles lembren as súas débedas cos traballadores e co propio Concello de Narón.

Megasa incumpre. Onde queda a promoción económica de Narón? E para cando o reparto dos longos beneficios, habidos incluso en plena crise económica? Defender o emprego contra á precarización. Estes son os obxectivos, hoxe pola mañá, dos traballadores diante da Casa do Concello de Narón.

Enlace a Diario de Ferrol (Columna xa semanal “Letras de Cambio”).