Datos

No vello manual apuntan que se non hai argumentos, debemos ter ruído. E esa parece ser a consigna da dereita local e do resto da oposición. Pero, o alcalde Ángel Mato está decidido a poñer os datos sobre a mesa. Así sabemos que fronte á suposta non xestión do goberno socialista, xa adiantou ao PP en investimentos e iso que aínda queda un ano para finalizar este mandato. E o dobre con respecto aos comúns. Tal e como recolle o portal de transparencia.

En democracia o desenvolvemento de Ferrol sempre foi ideado polos socialistas, e ante o continuo cambio de cor nos gobernos locais – os demais – só seguiron a súa senda. Quizais o maior problema o teña o PP cunha delegada da Xunta que está desmedida facendo política municipal, suponse que para confrontarse co alcalde? Pero que só eclipsa ao grupo popular e ao seu propio candidato. Claro, a non ser que sexa ela a candidata “in pectore” da dereita.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/datos-3792938

Unha Xunta sen Ferrol

No novo goberno de Feijóo non hai ferroláns. É dicir, José Manuel Rey non foi nomeado, desta vez, conselleiro. Haberá que esperar un tempo para saber si isto significa un cambio de liderado no PP ferrolán, e máis tras dous mandatos consecutivos sen tocar goberno municipal.

Tamén haberá que ver como vai influír o “Caso Kitchen” nas aspiracións do presidente galego a ocupar o asento de Casado no Congreso dos Deputados e, máis, como vai afectar isto ao actual grupo municipal da dereita, se van acabar este mandato como tal grupo ou baixo unhas novas siglas ou se van pagar eles a inacción da actual Xunta no ensino e na sanidade galegas.

De momento, confórmanse con afearlle ao alcalde Ángel Mato un suposto baixo gasto, tras seis meses de pandemia e con todo o tecido económico paralizado, onde o Concello de Ferrol priorizou a axuda directa a familias necesitadas e empresas, que non foron poucas, lamentablemente.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/xunta-ferrol/20200915224724288173.html

O blues do PP ferrolán

O blues, como saben, é unha melodía triste e melancólica que ten como eixo – normalmente – os propios problemas. E nestes días estraños que nos toca vivir, a dereita ferrolá ten o seu, porque mira que é difícil facer oposición cando a pandemia cambiou as nosas prioridades.

Así que acusar ao alcalde Ángel Mato por manter a programación deste “simulacro” de festas de Ferrol e facelo responsable da loita contra o Covid-19, é o estribillo dese blues melancólico que nin lles serve para ocultar que é o propio PP e o presidente da Xunta de Galicia quen deben poñerse á fronte do problema.

Neste tempos, guste ou non lle guste ao conxunto da oposición municipal, a mellor oposición, valga a redundancia, e a colaboración co propio goberno local. Teñen – primeiro, como é obvio, o grupo socialista pero tamén o conxunto dos grupos municipais – unha débeda coa cidadanía: chegar a un acordo de orzamentos por Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/blues-do-pp-ferrolan/20200825230717286965.html

O pinchazo

O peor que se pode ter en política é sufrir o síndrome do power point. Unha enfermidade de tipo compulsiva que obriga a que cada día presentes unha nova con que abordar (de abordaxe) os medios de comunicación, neste caso locais. É imposible ocupar cada día, así até cen, con novas os mass media, e máis se antes hai outras eleccións como as xerais.

Por iso, sabíamos que a campaña da municipais da dereita ferrolá ía abocada a un enorme pinchazo, e así acaba de producirse, e tal como pasa nestes tempos modernos, por culpa dun simple “post” nas redes sociais. Esta vez grazas á concelleira de urbanismo, María Fernández Lemos. Unha simple relación dos proxectos propios -incluso da etapa do alcalde Vicente Irisarri- “copiados”, deixan fóra de xogo á dereita.

E aínda quedan oitenta días para posibles novas sorpresas. Son os tempos dos “fake news” do Casado de quenda, guillotinados polas hemerotecas.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/o-pinchazo/20190306221504250662.html

Pufo portuario

Están na Xunta a berros, que debe ser que Pedro Sánchez é o presidente de Galicia e que abandonaron a confraría dos caladiños da etapa Rajoy. Agora calquera cousa é un insulto ás galegas e aos galegos, a última a liquidación da débeda do Consorcio de Valencia que organizaba aqueles eventos como a Copa América ou a Fórmula 1 para pasear ao ex presidente Paco Camps e os seus traxes.

Persoalmente, creo que primeiro débese avaliar a xestión da cousa pública, saber se foi correcta ou non, se houbo incapacidade, neglixencia ou dolo. E isto tamén vale para as débedas das novas infraestruturas dos portos galegos.

De veras, a dereita ferrolá, quere un trato similar para o noso porto exterior ou hai truco? O certo é que o gran beneficiado sería o de Coruña e cuxa xestión está posta en cuestión, tamén competidor directo do noso e cunha débeda seis veces superior á da Autoridade Portuaria de Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/pufo-portuario/20180905215138236169.html