Servizos Bancarios

Houbo un tempo que entrar nun banco a facer calquera xestión era sinónimo de que formabas parte da sociedade. Incluso había quen escoitaba o que tiñas que dicir e podías ir á hora que che conviña. Agora -dáme igual a entidade bancaria – aquilo está máis baleiro que a estepa siberiana. De feito, xa é un sitio incómodo para calquera cidadán de Ferrol.

Se vostede ten a oportunidade de cancelar unha hipoteca e con ela o seguro de vida que garántelle ao seu banco que sempre vai cobrar, síntoo. Non recibirá ningún parabén por cumprir con tantos anos de facer contas. O primeiro será apercibirlle que debe vostede sumar un novo seguro ou aumentar as contribucións a ese fondo de pensións privado que vostede non quería.

Todo isto, disfrazado de “transición dixital”. É dicir, para ter os nosos cartos temos que “converternos” no persoal do propio banco e dar as grazas, porque isto é a “modernidade”…

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/servizos-bancarios-3435495

De Saldo

O expresidente Aznar e o seu exbanqueiro Rodrigo Rato liberalizaron o chan, provocando a burbulla inmobiliaria e a situación que padecemos. O presidente Feijóo non atopou mellor saída que vender os activos galegos e poñelos de saldo. Xa non quedan grandes empresas en mans do país. O Galicia Calidade resulta ser mera propaganda autocomplacente.

Unha de esas empresas que se venderon de saldo foi a nosa Caixa Galicia. Creada do esforzo e os aforros das nosas xentes e que cunha neglixente xestión foi, dolosamente, bancarizada para finalmente vender á banca privada venezolana.

Agora, os novo donos de Abanca acaban de facer saber aos seus empregados as súas normas. Tanto eles, como os seus familiares, deben pedir permiso para ter compromisos políticos ou sindicais. Evidentemente, trátannos como unha república bananeira. Grazas a Feijóo, somos un país de saldo.

Enlace a Diario de Ferrol.