Nota do Comité de Empresa de Megasa Siderúrxica S.L.
Unha delegación deste Comité, acompañados pola Comisión de Alcaldes acudiu onte á chamada do Conselleiro de Industria da Xunta de Galicia, Sr. Francisco Conde.
Os traballadores de Megasa seguirán coas mobilizacións, unha vez que aínda non temos constatado unha solución definitiva, en defensa dos nosos empregos.
No día de onte, unha delegación do Comité de Empresa, acompañados pola Comisión de Alcaldes de Ferrolterra, Eume e Ortegal (que neste caso, estaban representados polos Alcaldes de Ares, Ferrol, Narón e S. Sadurniño), estivemos reunidos co Sr. Conselleiro de Industria e Enerxía da Xunta de Galicia, Sr. Francisco Conde; ao cal agradecemos o feito de ser convocados por el; así tamén, o noso agradecemento aos respectivos alcaldes que nos acompañaron.
O motivo da xuntanza, en San Caetano, foi coñecer as xestións que dende a Xunta están a desenvolver, en relación coa problemática de competencia desigual creada pola recente orde do Ministerio de Industria sobre a interrumpibilidade, e que dá vantaxes nas bonificacións da tarifa eléctrica a un competidor directo da empresa Megasa.
Este Comité de Empresa quere manifestar:
-
Que sigue á espera de concretar unha xuntanza co Sr. Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Entendemos que precisamente a situación que estamos a padecer, require precisamente dunha intervención directa do Sr. Presidente, tendo en conta o seu peso específico dentro do PP e a súa liña directa co Sr. Ministro Soria e o Sr. Presidente Mariano Rajoy.
-
Este Comité de Empresa foi informado polo Sr. Conselleiro da existencia dunhas alegacións da Xunta ante o Ministerio de Industria e que “coñeceremos unha vez sexan publicadas pola Comisión Nacional da Enerxía”; así como da esixencia da Xunta para que dentro do mesmo sector siderúrxico todos “teñamos as mesmas normas de xogo”. Descoñecemos, polo tanto, como vaise concretar realmente estas dúas cuestións esenciais, alén das propias palabras do Sr. Conselleiro.
-
Aínda así, entendemos que vanse a manter a discriminación ao apostar, tanto a Xunta como o propio Ministerio de Industria, por dous escalóns de acceso ao servizo da interrumpibilidade: o de 5 e o de 90 megawatios. Trasládamoslle ao Sr. Conselleiro as nosas inquedanzas de que ao final non haxa igualdade real ao manterse estes dous escalóns; así como as nosas críticas ás rixideces actuais para o seu acceso.
-
Evidentemente, mentres non estemos na final do problema os traballadores e familias de Megasa seguiremos coas mobilizacións, conscientes da importancia de manter viva a presión sobre os políticos do Partido Popular. Eles causaron o problema, e eles o teñen que solucionar.
En Narón, a 20 de setembro de 2013.
Comité de Empresa de Megasa Siderúrxica S.L.