Peaxe eléctrico

Hai cinco anos a naronesa Megasa era noticia pola mobilización dos seus empregados. A pancarta, do Comité de Empresa, facía referencia á política eléctrica do Partido Popular como un lastre para a competitividade da industria e a estabilidade laboral. O certo é que dende a crise económica do 2008, e a suba abusiva dos custes enerxéticos, o conxunto das industrias españolas reclaman unha tarifa competitiva.

Estes días coñecíamos que a Comisión Europea daba por boa a tarifa eléctrica autonómica pactada polo Goberno vasco e Mariano Rajoy. Que considera que non vulnera as normas europeas contra as axudas encubertas. Descoñezo a opinión do presidente Feijóo dese pacto de costas a Galicia. Igual acaba botándolle a culpa a Pedro Sánchez.

Todo isto empeza en Aznar, por privatizar o sector público eléctrico e deixar ao Estado sen instrumentos adecuados para intervir. Vai sendo hora de poñer orden.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/peaxe-electrico/20181017221846239605.html

Megasa incumpre

Megasa181214

Esperábamos un nadal en paz, crendo que o peor xa pasara. Pero, Megasa quere deixar un mal regalo de reis. Desde a xerencia din que lle “sobran” 47 empregos. Que todos os esforzos destes anos dos seus traballadores, Concello e da propia veciñanza non serven para nada.

A dirección pretende sacar fóra de Xuvia as negociacións sobre o despedimento colectivo e da modificación das condicións de traballo. Os motivos: evitar a presión social. Non queren nin luz nin taquígrafos. Non queren que se lles lembren as súas débedas cos traballadores e co propio Concello de Narón.

Megasa incumpre. Onde queda a promoción económica de Narón? E para cando o reparto dos longos beneficios, habidos incluso en plena crise económica? Defender o emprego contra á precarización. Estes son os obxectivos, hoxe pola mañá, dos traballadores diante da Casa do Concello de Narón.

Enlace a Diario de Ferrol (Columna xa semanal “Letras de Cambio”).

Megasa: apuntes dunha loita inconclusa

A mobilización dos traballadores de Megasa e das súas familias foi unha das loitas máis seguida, con moita atención, pola cidadanía e polos medios de comunicación, en particular. Basicamente, porque foi unha decisión política do PP a que provocou a situación nunha empresa que non estaba en crise e, dende o seu Comité de Empresa, a resposta foi unha loita social que visualizou aos culpables desde o primeiro momento: o Ministerio de Industria, a Xunta de Galicia e as súas políticas de austericidio, que ameazan con levar por diante ao conxunto da industria española.

No caso específico de Megasa, unha das cuestións está na chamada “interrumpibilidade”; mecanismo polo cal os grandes consumidores cedían a súa electricidade en favor do consumo doméstico, nos seus picos de demanda. Aseguraban así o suministro ao conxunto da poboación e como compensación as industrias recibían unhas bonificacións nas súas facturas. Estas agora van a ser reducidas e as esixencias para obtelas son moito máis ríxidas, cuestionando a competitividade e o emprego. O asunto é reducir o coste para o Goberno en 200 millóns de euros, e así axudar a cadrar as contas macroeconómicas de España ante a Comisión Europea.

Isto, ademais, englobado nunha reforma total do sistema estatal de electricidade, que trae para todos un incremento do prezo do recibo da luz. E isto de onde nace? No primeiro mandato de Aznar, o seu ministro Rodrigo Rato acaba privatizando o conxunto desas empresas públicas, deixando o sistema eléctrico en mans de cinco operadores privados. Estes conforman un oligopolio que inmediatamente provocan unha galopante suba dos prezos da electricidades para obter grandes beneficios. Así, e coa pretensión de manter ese nivel de ganancia, a imitación dos bancos, fan investimentos de alto risco, que acaban quebrando. É a burbulla enerxética, que se suma á inmobiliaria e financeira.

Así, agora o PP, pretende darlle unha solución á xestión de Aznar, pasándolle a factura aos cidadáns e ás industrias. Mais, calquera medida que se pretenda pasa por dar resposta a saber que sectores ou/e que tamaño do servizo enerxético ten que quedar nas mans públicas. Só así o Estado poderá regular o mercado eléctrico e garantir un prezo competitivo para os particulares e para a industria española. Pero, isto é un anatema. Viva o Capital!

Os traballadores: a columna central.RS35.Portada

Ninguén esperaba a repercusión da loita social. E quizais haxa que empezar por salientar que grazas á mobilización en defensa dos seus postos de traballo, os traballadores convertéronse na columna central da defensa do proxecto que representa Megasa. Cando a Empresa o 31 de maio comunica ao seu Comité o que estaba a pasar, fanno porque as súas relacións e capacidade de influenza ante o Ministerio e a Consellería de Industria están rotas. A loita dos traballadores e das súas familias provocaron a reapertura das negociacións e ademais, lograron introducir o debate eléctrico no conxunto da siderurxia estatal.

Tamén debemos ter en conta ás mulleres de Megasa; compañeiras, esposas, nais, fillas… que compartiron o protagonismo dunha fábrica que segue a estar maioritariamente formada por varóns.

Así tamén, o apoio recibido polos traballadores do conxunto dos Concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal; a repercusión tanto nos Parlamentos galego e español; así como o apoio decidido do Partido Socialista e tamén, do BNG e AGE; o apoio dos medios, en especial das súas periodistas; sentaron a base da enorme repercusión social acadada.

Mais, esta segue a ser unha loita inconclusa. O novo diseño social ditado polas reformas económicas e eléctricas do Partido Popular trae unha nova reordenación da industria, das relacións laborais e coa pretensión de que sexan en exclusiva a clase traballadora e os sectores máis modestos das medias, os que paguen o desaguisado dos bancos, inmobiliarias e eléctricas. E obviamente, a patronal de Megasa non quere recoñecerlle aos seus traballadores e ás súas familias o esforzo inmenso que fixeron. O importante é o negocio.

Publicada no nº 35 da revista “Razón Socialista”, Segundo Semestre 2013. Editada polo Asociación Fuco Buxán.

Besteiro

Besteiro-Megasa18out2013

Co desinteresado esforzo de militantes que non soen saír nos medios de comunicación, os socialistas acaban de inaugurar a súa nova sede local. Un espazo que pretende ser un punto de encontro coa cultura e o compromiso social. Un modelo que bebe das mellores tradicións da esquerda en Ferrol, que entronca en definitiva coas súas raíces obreiras e cívico-republicanas.

E foi coa presenza do novo secretario xeral do PSdeG. Cunha tarde moi productiva, e non só festiva. Reunión previa co Comité de Empresa de Megasa, inauguración, reunión da executiva local con Besteiro e nova edición da Festa da Rosa.

Así tamén, puidemos ver xa as primeiras enquisas sobre a valoración dos políticos. O forte despunte do novo líder socialista abre unha etapa de construcción dun proxecto que combina a defensa das clases traballadoras e medias cunha terra chamada Galicia. Volve o PSdeG.

Enlace @DiarioFerrol (Columna “Letras de Cambio”).