Queremos Ferrol

Hai xusto unha semana, varios miles de persoas enchíamos a estrada de Castela en Ferrol. Ao mesmo tempo, o presidente Alberto Núñez Feijóo era recibido polo ministro Ábalos baixo unha luz de fotógrafos e medios de comunicación en Madrid. Desde a oficina de prensa da Xunta pretenderon vender que era unha cita de vital importancia, que quedaban despexados todos os obstáculos e que se implementaban o conxunto das infraestruturas galegas.

Vista a letra pequena, soubemos que Feijóo non estaba “en calidade” de presidente galego, senón que a súa única preocupación era a cidade herculina. Parabéns para ela. Pero, cando menos Feijóo podían non mentir ás nosas comarcas e saber que nós, tamén, temos dereito a ter infraestruturas adecuadas, unha autoestrada a prezo razoable, un ferrocarril moderno e unha vía de alta capacidade para a conexión coa costa. Queremos vida nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2796235/queremos-ferrol

Feijóo espera

Os traballadores de Megasa queren ser recibidos polo Presidente de Galicia e non por capricho. Foi el quen abanderou a defensa daquela multinacional afincada na mariña lucense. Atravesou o Atlántico para ir falar cos propietarios e obrigou ao Ministro de Industria a modificar as bonificacións da chamada interrumpibilidade eléctrica.

Mais, esqueceron ter unha visión global e facendo oídos xordos ás alarmas da Comisión Nacional da Enerxía, sobre os riscos de provocar situacións de discriminación e competencia desigual, provocáronlle a Megasa e aos seus traballadores un grave problema.

Di o Conselleiro de Industria que están facendo xestións para restituír o dano causado. Aquí, tamén é necesario o compromiso explícito do Presidente. Para reforzar a presión sobre o Goberno de España e para tranquilizar ás familias. Pero, Feijóo espera… a que escampe.

Enlace a @DiarioFerrol.

Soria

Esta non será a última reforma do sector eléctrico. O Ministro de Industria fixo malabares, pero nin por asomo garante tarifas máis baixas para as familias, nin para uso industrial. Máis gastos para os cidadáns e menos competitividade para as empresas.

Realmente, pretendía Soria acoutar unha herdanza de Aznar. A “liberalización” do sector de 1997; que provocou un enorme pelotazo enerxético, acompañado de privatizacións de grandes empresas públicas e que agora son un problema de país. A suposta “auto-regulación do mercado” é unha falacia; son palabras da propia patronal AEGE española.

Sectores estratéxicos como o da enerxía deben ser de titularidade pública, de todos os cidadáns. O PP é hoxe o principal problema para a nosa economía. A derrota das súas políticas unha necesidade para saír da crise. É cuestión de sentido común. Cuestión de Estado.

Enlace a Diario de Ferrol