Hai máis Ferrol

A mediados do século pasado nacía Caranza. Inicialmente, para solucionar as necesidades de vivenda dos traballadores da antiga Bazán, e iso conformou unha cidade con dúas almas. A oficial coa suma dos Ensanches á Magdalena e esta micro cidade, que hoxe busca ter o seu propio “centro” arredor da Avenida Castelao.

Se ben esa especificidade de Caranza foise matizando, houbo outros barrios que comezaron a ter unha certa vida independente do centro. O esquecido Ferrol Vello e, especialmente, Canido por dereito propio. Á marxe está o rural, onde cada lugar é un mundo.

Mais, a situación de crise e a desatención dos barrios, sobre todo nos últimos oito anos, acabaron por facer aparecer vidas alleas ao Ferrol oficial. Inferniño ou Ultramar son claros exemplos, tanto que achegarse ao Concello ou á Magdalena é “baixar a Ferrol”. Simplemente, direilles que necesitamos dun proxecto común e integrador de cidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/hai-mais-ferrol/20190619200337258990.html

Nadal ou maio?

É certo que Ferrol xa está coa decoración adecuada e este frío repentino parece querer reforzar a idea de que estamos en nadal. Pero non é por causa do cambio climático, senón a temperatura política o que despista. Todo está en función da carreira á alcaldía de maio, todo ten ese envoltorio.

Dous exemplos: que sentido ten a polémica da apertura dos festivos, senón un intento de recuperar crédito entre a esquerda desafecta, usando como pim-pam-pum a un sector de comerciantes que ten poucos defensores neste segmento electoral? Ou que sentido ten que a Xunta anuncie unha intervención na rehabilitación de Ferrol Vello -co candidato do PP local- sen a presenza do resto da corporación e menos sen a concelleira de urbanismo, vulnerando normas básicas de protocolo?

Mais este tipo de propaganda é triturada no día polas redes sociais, vella política contraprogramada pola “acción directa” dun clic.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/nadal-ou-maio/20181212195656243367.html

Ferrol Vello

A primeira impresión, que levan estes turistas que atracan no noso porto, creo que non será moi positiva. Desembarcar e atoparse cun barrio que cae por anacos non é boa tarxeta de presentación. Pero, menos debe gustarlle á veciñanza ver como Ferrol Vello vai esmorecendo pola desidia das diversas Administracións.xornadas-ferrol-vello

Estes días está a debate o plan de recuperación deste barrio. A maior parte do traballo vén feito do mandato municipal anterior e agora preséntase para a súa aprobación. Imos ter unha oportunidade para o barrio, os seus veciños e para a cidade.

Quizais, o máis salientable é cando xorden iniciativas dende dentro como as xornadas que, este martes e o vindeiro, fanse na súa Praza Vella. Unha cidadanía que participa aportando a un proxecto de cidade, é a mellor garantía de futuro. Un acerto da Comisión Cidadá para a Recuperación de Ferrol Vello.

Enlace a Diario de Ferrol.