Maduren, por favor

En Ferrol hai quen desde a política local segue a vivir nun perpetuo día da marmota. Se non como cualificar as recentes palabras dos dirixentes da dereita local que volven a choricar co aparcadoiro na praza de Armas. Iso si, ocultando que este poderíalle ter custado ao Concello uns seis millóns de euros e, para amortizalo, unha área comercial xusto encima. Revisen as hemerotecas radiofónicas e as opinións dos técnicos.

Sería axeitado deixar de estar á espera coa primeira ocorrencia. Se a oposición leva tres anos a velas vir, non é de recibo. Deberan deixar de provocar este ruído nesta torpe precampaña. Ferrol necesita da competencia propositiva das súas forzas políticas. Crezan, fáganse maiores e maduren por favor. Igual deberan comezar por preguntar nas rúas hoxe peonís polas obras. Igual saberían que, sen coches e sen tráfico, aumentaron as visitas aos escaparates e as compras dos consumidores.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/madure-favor-3745739

De Novo Armas

A verdade que un non deixa de sorprenderse cando saen determinados “debates políticos” no Concello de Ferrol. De verdade que había que levar ao pleno municipal o mantemento ordinario da Praza de Armas? Cuestión que, como moito, dá para tratar en Comisión? Pero, segue a dereita ferrolá sen aceptar que é un erro a súa posición sobre manter, no seu chan, o aparcadoiro?

É certo que hai grupos minoritarios en redes sociais que seguen facendo ruído, pero que realmente, dálles igual este asunto ou outro calquera. Len só o titular da noticia e a partir de aí arde Troia. O problema é que desde a dereita, así, as están alimentando, sen decatarse que están inflando ao seu inimigo pola dereita. Unha mágoa que as Confrarías, por causa do Covid-19, non poidan saír esta Semana Santa á rúa, porque esta nova Praza de Armas adáptase moito mellor ás súas necesidades e acabaríamos, creo, con esta polémica estéril.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2816761/novo-armas

O acerto de Armas

É evidente que a nova fisionomía da praza de Armas é un revulsivo para este espazo, así vemos como en pouco tempo, a pesar da crise sanitaria e económica, estase a encher todos os seus baixos. Á nova cafetería, en breve, sumarase un negocio de perfumería e as oficinas centrais dunha axencia bancaria. Lonxe queda a errónea proposta dun novo aparcadoiro, que segundo os técnicos íannos custar máis de cinco millóns de euros e unha nova concesión, hipotecando Ferrol.

Debemos alegrarnos dos acertos, e se hai problemas momentáneos por un mal rego dos tilos, ou porque tras un temporal mánchase un anaquiño da rúa da Terra, iso non descualifica o acerto do novo deseño de Armas. Deixemos que os que non queren que Ferrol siga adiante teñan o seu penar nas redes sociais, pero é indubidable que para o conxunto da cidadanía, a nova praza de Armas é un acerto. Agora si é un espazo gañado para todas e todos.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/o-acerto-de-armas/20200902023338287349.html

Os bancos de Armas

Durante anos tivemos, na praza de Armas, aquela extravagancia que ameazaba derrubarse e que, ao mesmo tempo, era o teito do aparcadoiro. O curioso é que houbo un tempo en que pasaba por unha suposta modernidade. O certo foi que en 1951 sacaron o obelisco de Churruca, que marcaba a altura máxima de construción urbanística en Ferrol, para así dar franco de ría ao feísmo e á especulación en toda a cidade.

Houbo un grupo de presión local que logrou condicionar á maioría dos alcaldes, elixidos na etapa da restauración democrática; eles tutelaron a política municipal no acontecer da praza e da Magdalena, durante décadas. Recentemente, houbo quen quería apropiarse dela como buque insignia da súa xestión municipal. Pero, resulta que os bancos non cumpren a normativa oficial. Así que serán reformados e sumaranse un maior número de bancos axeitados á mobilidade e a unha praza histórica que é de todas e de todos.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/os-bancos-de-artmas/20200707232831284168.html

O mundo segue

Houbo quen creeu que preguntarlle ao entón candidato, Ángel Mato, polas obras da praza de Armas restáballe, pero nos seus votantes non é unha cuestión polémica. Para el é unha reforma sen perigo e que vai beneficiar á Magdalena. Realmente, foi este un elemento introducido en campaña polo PP fronte ás outras dereitas, cando inicialmente parecía que o daban como un feito consumado.

O certo é que a desaparición do aparcadoiro subterráneo non trouxo problemas engadidos. Quizais, agora, resulta un pouco chocante que algún intente botar en cara a desaparición do de Porta Nova, cando este levaba dous mandatos á man de deus.

Pasaron as eleccións municipais. Estaría ben un chisco de consenso, implementar sinerxias e abandonar o ruído (que tan lonxe está das preocupacións reais da cidadanía). É mellor remar xuntos, que negarlle a Ferrol a posibilidade de sumarse ao novo concepto de cidades para ser vividas.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/o-mundo-segue/20190612210416258508.html