Sumando sinerxias

A pesar de intereses particulares que queren amolar, a costa de provocar unha escura cidade, non poderán con nós. Hai quen está empeñado en facer mal as cousas, pero outros seguiremos empeñados en abrir as fiestras para que o aire fresco inunde as nosas rúas, barrios e parroquias. Somos unha cidade viva, rebelde, produto do racionalismo da Ilustración, do modernismo de Ucha e da loita das súas xentes.

Cada cidade é un xeito de entender a vida, por iso temos dereito a decidir que Ferrol queremos. Por iso, son tan importantes encontros como os da semana pasada no Antigo Hospicio, sobre a reinvención de cidades atlánticas tras as súas crises, organizada polo Concello, ou a organizada polo Foro Ferrol Vivo en Ferrol Vello, e que fixo unha radiografía e propostas para a recuperación integral do barrio, entrada natural á cidade. Sumemos as sinerxías de toda administración, de todas e todos nós.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/sumando-sinerxias/20171012001615205230.html

Ferrol Vello

A primeira impresión, que levan estes turistas que atracan no noso porto, creo que non será moi positiva. Desembarcar e atoparse cun barrio que cae por anacos non é boa tarxeta de presentación. Pero, menos debe gustarlle á veciñanza ver como Ferrol Vello vai esmorecendo pola desidia das diversas Administracións.xornadas-ferrol-vello

Estes días está a debate o plan de recuperación deste barrio. A maior parte do traballo vén feito do mandato municipal anterior e agora preséntase para a súa aprobación. Imos ter unha oportunidade para o barrio, os seus veciños e para a cidade.

Quizais, o máis salientable é cando xorden iniciativas dende dentro como as xornadas que, este martes e o vindeiro, fanse na súa Praza Vella. Unha cidadanía que participa aportando a un proxecto de cidade, é a mellor garantía de futuro. Un acerto da Comisión Cidadá para a Recuperación de Ferrol Vello.

Enlace a Diario de Ferrol.