Comercios play off

Sería moi interesante un bo estudio da problemática que teñen os comercios que hai na Magdalena, e que apunta a múltiples causas. Crise demográfica unida á económica que sofre o país e a precariedade laboral, fan que as compras non acaben de bulir. Tamén os novos hábitos de consumo “on line” evidencian un, cada vez, maior dominio das plataformas dixitais, que provocan constantes campañas fóra de temporada e con descontos adicionais. A nivel local, seguramente a lea polo día de San Xiao tampouco axuda.

Un activo é esa poboación maior, normalmente de clases medias, que compra para si e as súas familias, que escapa das grandes áreas comerciais e fomenta o comercio de cercanía. Noutro orde de cousas, son dos que pensa que o peche do aparcadoiro da Armas non tivo influencia, pero si que é necesaria unha pronta e eficaz peonalización, xunto cun programa de dinamización a implementar entre comerciantes, veciños e Concello.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/comercios-play-off/20190123203930245839.html

Resistan

Si, resistan. Non fagan caso dese ruído de fondo que, por momentos, danos dor de cabeza. Ferrol non vai esmorecer, porque temos dereito a ser felices e a identificarnos con esta cidade. Fagan caso, resistan. Que nada lles achique o día, nin os anos que nos pasan por riba e non de balde, nin as dificultades persoais ou colectivas. Nin as novas dos medios de comunicación que parecen repetirse. Sexan positivos.

Alégrense por vivir nun lugar especial, cunha historia única, con enormes posibilidades de futuro. Sigan a desfrutar deste tempo, póñanlle música á vida, vida ás rúas. Saquen os seus móbiles e tiren fotos, hai lugares a esgallo por toda a cidade que ben vale o repicar ledo das campás, aí está toda a arquitectura de Rodolfo Ucha que entróncanos co Art Noveau europeo. Apúntese mañá á tarde a esa “perfomance” na Magdalena porque somos xente alegre e porque Ferrol é moderno. Sexan felices.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/resistan/20180927000325238050.html

Armas

O último pleno solicitáballe ao alcalde que non elimine o aparcadoiro de Armas de 114 prazas. Pero, botando contas no barrio da Magdalena, hai no Cantón 386, na praza de Abastos 196 e na praza de España 638 prazas. O total fan (sen as de Armas) 1220, que úsanse a medio gas. A estas hai que engadir 360 no Porta Nova e as 500 do Sánchez Aguilera, estas poderíanse ampliar en Canido, Esteiro e Ferrol Vello.

Quen fala de manter o aparcadoiro da praza de Armas, simplemente, intenta seguir a atrancar a súa remodelación, primeiro feito imprescindible para despois poder encarar a peonalización da Magdalena? Por favor, non nos fagamos trampas, non impidamos a recuperación do centro de Ferrol. O pleno tiña que ter instado ao goberno a que solucione os problemas que teñan veciños e comerciantes, pero urxindo xa sen demora unha remodelación que debera acabar antes das próximas eleccións.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/armas/20180315004427219711.html