Pepitas

É certo que teño devoción por esta cidade nosa. Ferrol coas súas afoutezas e coas súas debilidades. É certo que son dos que pensa que necesitamos de cousas que unan, que sirvan para apuntalar un relato común necesario para todo proxecto de cidade.

É certo, tamén, que teño recoñecido nestas páxinas, xa hai uns anos, que as Pepitas – que este ano celébranse en setembro por mor da pandemia – eran practicamente o único que formaba parte da nosa identidade común, por riba de leas sociais ou políticas.

Máis, nos últimos anos, estamos a construír ese novo relato que, a poucos, van deixando de lado o vitimismo e o desleixo que afecta a Ferrol: As Meninas, O Camiño Inglés, Ferrol da Ilustración, Batalla de Brión… Poden parecer cousas pequenas, pero son fundamentais como banda sonora da cidade soñada e que, por tanto, seremos. Porque, a ciencia certa, somos o que soñamos e o camiño que facemos.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3151040/pepitas

A primeira milla

Este venres festivo e este sábado son os días escollidos, por Eduardo Hermida e o seu grupo de artistas, para unha interesante intervención en Ferrol Vello e que conta co apoio da Deputación, Concello, veciños, hostaleiros e do Grupo de Traballo a prol do Camiño Inglés.

Servirá para presentar en sociedade o logo do noso tramo do Camiño de Santiago, que suma elementos como a frecha amarela que indica a dirección a seguir polos peregrinos, como aqueles que fan referencia á Parrocheira e á Fábrica de Lápices. Este logo, ademais, é unha cesión gratuíta de Hermida á cidade de Ferrol.

Pero, tan importante como iso é precisamente encher Ferrol Vello deses lapis creados por estes artistas. Unha reivindicación da necesaria rehabilitación deste barrio portuario, inicio da primeira milla, necesitado de recuperar as súas rúas e edificios. Necesitado de recuperar poboación e ilusión por un mellor futuro.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/a-primeira-milla/20191204204403269772.html

As Meninas de Edu Hermida

Eduardo Hermida non é unha persoa que deixe indiferente a ninguén. E si, Edu é por riba de todo un ser humano, que coma nós terá virtudes e defectos. Pero, para sorte nosa, destacan nel as súas afoutezas. Esto último fai que hoxe sexa o principal promotor, dinamizador, embaixador, ou como queiran chamalo, de Ferrol. Este polifacético artista puxo a esta cidade no centro do mundo.

Aí están os recoñecementos nacionais e internacionais ás Meninas, que serán de Velázquez, de Canido, pero por enriba de todo son de Edu Hermida. Igual, quizais, o maior recoñecemento é esa marea de persoas, de ducias de miles, e que pasaron este fin de semana polo barrio.

Hai que darlle as grazas a Edu Hermida, a súa ousadía e que sempre está inventando e reinventando, ao seu incuestionable compromiso con Canido e con Ferrol. Pero, para cando o recoñecemento oficial desta cidade para, por mérito propio, co seu “fillo predilecto”?

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/as-meninas-de-edu-hermida/20190905010432264033.html

Agosto finito

Acabaremos este mes sumando o final das festas de Ferrol coas Meninas de Eduardo Hermida. E, tras iso, mediado setembro, Ángel Mato cumprirá cen días como undécimo alcalde do noso concello.

Este mes de agosto déixanos un novo goberno moi presente nos medios de comunicación. Á novidade, á necesaria ocupación das distintas responsabilidades municipais, á organización desde cero e a fume de carozo das festas da cidade, súmase un dos sinais de identidade común a todas as sucesivas alcaldías socialistas (seguro que con acertos e erros) en Ferrol: temos un goberno a tempo completo.

Veremos en setembro – non sei se hoxe haberá un adianto no pleno de fin de mes – o tono da oposición. Tanto da oficial (PP), como da de aqueles que tiñan comprometido o seu apoio e, xa á primeira, decidiron deixar só ó PSOE. Na miña opinión, un erro que debérase corrixir. E unha petición para todos: sumen nos asuntos de cidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/agosto-finito/20190828224655263574.html

Esperando a Banksy

O pertencer a unha cidade, con tanta historia, como Ferrol ten a súa contrapartida. Moitos e moitas cren que deben amosar a súa faciana máis combativa, aínda que sexa en negativo. Vén isto a conto polo pequeno maremoto que segue a provocar se o mural dos dous gardas civís bicándose é, ou non é, obra de Banksy. O certo é que, unha vez máis, Ferrol volve a ocupar as portadas dos medios de comunicación nacionais.

Fronte a isto hai un sector de xentes tristes, que soen aproveitar o anonimato das redes sociais, usan a descualificación máis absoluta novamente e non perdoan en Edu Hermida o seu ferrolanismo. Aos que están a esperar por Banksy (non se sabe se para petarlle un lapote), que saiban que nada lles pedimos porque sabemos que nada teñen que aportar. Mais, si hai que rachar os atrancos que teñen aqueles que si traballan por un Ferrol vivo. Ánimo, que hai todo un mundo novo por diante!

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/esperando-a-banksy/20180426003358224057.html