Hai máis Ferrol

A mediados do século pasado nacía Caranza. Inicialmente, para solucionar as necesidades de vivenda dos traballadores da antiga Bazán, e iso conformou unha cidade con dúas almas. A oficial coa suma dos Ensanches á Magdalena e esta micro cidade, que hoxe busca ter o seu propio “centro” arredor da Avenida Castelao.

Se ben esa especificidade de Caranza foise matizando, houbo outros barrios que comezaron a ter unha certa vida independente do centro. O esquecido Ferrol Vello e, especialmente, Canido por dereito propio. Á marxe está o rural, onde cada lugar é un mundo.

Mais, a situación de crise e a desatención dos barrios, sobre todo nos últimos oito anos, acabaron por facer aparecer vidas alleas ao Ferrol oficial. Inferniño ou Ultramar son claros exemplos, tanto que achegarse ao Concello ou á Magdalena é “baixar a Ferrol”. Simplemente, direilles que necesitamos dun proxecto común e integrador de cidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/hai-mais-ferrol/20190619200337258990.html

O mercado de Caranza

A xente do mercado de Caranza debe estar cansa de tanto esperar, de tantas palabras baleiras, de tantos anos. Pero, o certo é que a xerente de Urbanismo -nas recentes xornadas do Foro Ferrol Vivo- falaba de que xa estaban os pregos da licitación e que esta remodelación parcial ía para oito meses, de ser así van a estar moi apurados desde o actual grupo de goberno para poder inaugurar o novo mercado, se non queren coincidir coas novas eleccións municipais, datas prohibidas para eses faceres.

A esta primeira fase, terá que vir outra máis que, en verdade, converta a eses quince mil metros cadrados nun elemento central e aglutinador das actividades comerciais, de servizos, deportivas e socio-culturais que complemente Caranza, así recollido como tal no actual PXOM. Agora vai a reorganización interior dos postos do mercado e o seu equipamento adecuado ás novas necesidades, montacargas de servizo e a mellora do acceso peonil e un ascensor desde a avenida de Castelao… Unha boa nova.

Enlace a Letras de Cambio (Diario de Ferrol).

O botánico do Montón

O mandato do alcalde Vicente Irisarri foi quen de poñer a andar o xardín botánico, situado na península do Montón. Máis de mil douscentos árbores de cincuenta e oito especies catalogadas pola SGHN. Seguramente, un gran descoñecido para a inmensa maioría da cidadanía de Ferrol, e agora, unha década despois corre un grave risco de deteriorarse e ter danos irreparables polo simple feito de estar abandonado.

Así, e tal e como quedou claro nas xornadas sobre o barrio de Caranza, organizadas polo Foro Ferrol Vivo en colaboración coa asociación de veciños e outras entidades, necesita dunha actuación urxente. De aí que a presidenta veciñal reclame unha primeira inversión de cen mil euros, necesarios para volver a poñerlle as portas e o enreixado, frear as “okupacións” e iniciar unha recuperación integral de ese espazo, que está chamado a ser un dos grandes pulmóns de Ferrol, de ocio e deporte.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/o-botanico-do-monton/20180705000213230574.html