Inferniño, un barrio con vida

O Inferniño configurouse como un barrio de clases traballadoras e medias. Foi unha referencia no seu momento e un lugar atraente, significando crecemento e un proxecto de cidade para Ferrol. A carón da estrada de Castela, considerada por moitos como un pulmón social, pola súa concentración de cafeterías e comercios, polo seu cheo de xentes que van dun lado para outro todo o día. Un barrio con vida.

Máis levamos uns anos que esa estampa positiva, vaise deteriorando progresivamente. Ademais, xa saben que a percepción da realidade marca moito o auxe ou declive de calquera barrio. Hoxe hai novos retos que ninguén parece querer facer fronte. Si, estes significan traballo e, como mínimo, unha actuación integral, onde participen todas as administracións.

Neste Inferniño convertido nunha torre de Babel actual, o problema non é ser un barrio multicultural. Senón a necesidade de recuperar a convivencia rota en algún momento por aqueles que aproveitan as fisuras que toda sociedade cambiante ten. Hai problemas estruturais que esixen actuacións tanto no eido da planificación urbanística, social, cultural como da seguridade. Ten razón a asociación veciñal encabezada por Rafael Leira, neste tempo xa non valen parches.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/infernino-barrio-vida-3888043

Hai máis Ferrol

A mediados do século pasado nacía Caranza. Inicialmente, para solucionar as necesidades de vivenda dos traballadores da antiga Bazán, e iso conformou unha cidade con dúas almas. A oficial coa suma dos Ensanches á Magdalena e esta micro cidade, que hoxe busca ter o seu propio “centro” arredor da Avenida Castelao.

Se ben esa especificidade de Caranza foise matizando, houbo outros barrios que comezaron a ter unha certa vida independente do centro. O esquecido Ferrol Vello e, especialmente, Canido por dereito propio. Á marxe está o rural, onde cada lugar é un mundo.

Mais, a situación de crise e a desatención dos barrios, sobre todo nos últimos oito anos, acabaron por facer aparecer vidas alleas ao Ferrol oficial. Inferniño ou Ultramar son claros exemplos, tanto que achegarse ao Concello ou á Magdalena é “baixar a Ferrol”. Simplemente, direilles que necesitamos dun proxecto común e integrador de cidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/hai-mais-ferrol/20190619200337258990.html

Porta Nova

Os catro traballadores do aparcadoiro de Porta Nova acaban de solicitar a mediación da Valedora do Pobo. Un último cartucho para poder visualizar o seu problema e buscar unha saída á súa extrema desprotección laboral, produto dunha quebra concursal.

Veremos se a reconversión en centro cívico para albergar a entidades sociais, serve para darlle vida, mais Porta Nova debe ser estudiado como o fracaso dun modelo de xestión, tanto o aparcadoiro como o centro comercial, xa que o único que funciona é o seu supermercado.

O certo é que, nos últimos dous mandatos, no Concello estiveron a velas vir. Ningunha medida efectiva de dinamización ou de mellora da mobilidade, cando estamos cun aparcadoiro -a menos de dez minutos do centro de Ferrol- que tiña que desenvolver un papel central. Ningunha medida a prol duns traballadores, que non só son prexudicados, senón -de xeito salientable- vítimas da inacción.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/porta-nova/20190313190946251251.html