Ferrol, sociedade civil

Os erros de xestión nos últimos mandatos municipais –tanto co PP de JM Rey como co FeC de Suárez- só afianzaron a idea de que Ferrol xa non ten solución, que dá igual facer ou non facer. Pero non é así.

É importante fixarse no novo asociacionismo ferrolán, que dalgún xeito invalida o “status quo” dos que xa están acomodados. Paferr, Ruta Naval e o Foro Ferrol Vivo constitúen tres xeitos diferentes de entender e facer sociedade civil, mais non esperan polos políticos locais e unen esforzos para traballar en positivo.

Porque se agora, tras dúas décadas, a candidatura a Patrimonio Mundial non é un simple corta e pega que adorna programas electorais e esixe un compromiso realista e concreto, é debido á sociedade civil, que leva nomes como os dos Perales, José A. Marcote ou Eva Martínez. Esta última considerada polo ex director deste xornal, Man Castro, como unha das principais valedoras da candidatura.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/ferrol-sociedade-civil/20190213205454247898.html

Teimudos

Ante a falta de palabra e a inanición da autodenominada “clase política” un pode encoller os ombros e mirar para outro lado, ou ben, pode remangarse e turrar contra os elementos para que -as e os que fallan á cidadanía- saiban que imos facer todo o posible para obrigarlles a camiñar na dirección correcta.

Así, tres entidades ferrolás acaban de sumar esforzos para unha causa común: “Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración”. Foro Ferrol Vivo, Ruta Naval e Paferr decidiron sumar e xerar ilusión. Traballar xuntos para implementar e dar a coñecer o patrimonio das e dos ferroláns de cara á UNESCO.

Si, Ferrol será o que queiran as súas xentes. Así que non falten á cita deste sábado á mañá no salón da SGHN, en Canido. Aínda que sexa para darlles no morro a eses políticos que están tan ocupados que non teñen tempo que adicarlle á cidade, e cando o importante é estar xerando ilusión por Ferrol.

Resistan

Si, resistan. Non fagan caso dese ruído de fondo que, por momentos, danos dor de cabeza. Ferrol non vai esmorecer, porque temos dereito a ser felices e a identificarnos con esta cidade. Fagan caso, resistan. Que nada lles achique o día, nin os anos que nos pasan por riba e non de balde, nin as dificultades persoais ou colectivas. Nin as novas dos medios de comunicación que parecen repetirse. Sexan positivos.

Alégrense por vivir nun lugar especial, cunha historia única, con enormes posibilidades de futuro. Sigan a desfrutar deste tempo, póñanlle música á vida, vida ás rúas. Saquen os seus móbiles e tiren fotos, hai lugares a esgallo por toda a cidade que ben vale o repicar ledo das campás, aí está toda a arquitectura de Rodolfo Ucha que entróncanos co Art Noveau europeo. Apúntese mañá á tarde a esa “perfomance” na Magdalena porque somos xente alegre e porque Ferrol é moderno. Sexan felices.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/resistan/20180927000325238050.html

O mercado de Caranza

A xente do mercado de Caranza debe estar cansa de tanto esperar, de tantas palabras baleiras, de tantos anos. Pero, o certo é que a xerente de Urbanismo -nas recentes xornadas do Foro Ferrol Vivo- falaba de que xa estaban os pregos da licitación e que esta remodelación parcial ía para oito meses, de ser así van a estar moi apurados desde o actual grupo de goberno para poder inaugurar o novo mercado, se non queren coincidir coas novas eleccións municipais, datas prohibidas para eses faceres.

A esta primeira fase, terá que vir outra máis que, en verdade, converta a eses quince mil metros cadrados nun elemento central e aglutinador das actividades comerciais, de servizos, deportivas e socio-culturais que complemente Caranza, así recollido como tal no actual PXOM. Agora vai a reorganización interior dos postos do mercado e o seu equipamento adecuado ás novas necesidades, montacargas de servizo e a mellora do acceso peonil e un ascensor desde a avenida de Castelao… Unha boa nova.

Enlace a Letras de Cambio (Diario de Ferrol).

O botánico do Montón

O mandato do alcalde Vicente Irisarri foi quen de poñer a andar o xardín botánico, situado na península do Montón. Máis de mil douscentos árbores de cincuenta e oito especies catalogadas pola SGHN. Seguramente, un gran descoñecido para a inmensa maioría da cidadanía de Ferrol, e agora, unha década despois corre un grave risco de deteriorarse e ter danos irreparables polo simple feito de estar abandonado.

Así, e tal e como quedou claro nas xornadas sobre o barrio de Caranza, organizadas polo Foro Ferrol Vivo en colaboración coa asociación de veciños e outras entidades, necesita dunha actuación urxente. De aí que a presidenta veciñal reclame unha primeira inversión de cen mil euros, necesarios para volver a poñerlle as portas e o enreixado, frear as “okupacións” e iniciar unha recuperación integral de ese espazo, que está chamado a ser un dos grandes pulmóns de Ferrol, de ocio e deporte.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/o-botanico-do-monton/20180705000213230574.html