Será verdade?

Anúncianse actuacións que, de concretarse, poderíamos estar a falar dun novo tempo que rompa coa parálise que afecta a Ferrol. Unha busca de acordos coa Deputación para un novo convenio que rache coa precariedade no servizo de bombeiros, ou o tan necesario albergue de peregrinos para o noso Camiño Inglés, a apertura dun convenio con Fomento para dunha vez remodelar a entrada das Pías, cun montante de máis de catro millóns de euros.

Xa no campo estritamente local, estaría a comunicación entre o Ensanche e Santa Mariña, un investimento importante para Recimil, así como case un millón de euros para a urxente reforma do mercado de Caranza. Máis, todo isto depende dun pacto para os novos orzamentos municipais. Fronte ás redes sociais que falan de plenos alleos, quero crer que o interese xeral vai quedar por riba do particular, permitindo dar respostas ás necesidades de Ferrol.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/sera-verdade/20180207224814215830.html

Xogar ao despiste?

O luns á tarde chegábame a información dunha xuntanza entre o concelleiro de cultura e a directora xeral de turismo a causa do Camiño Inglés. Falábase duns investimentos para Ferrol, noticia que evidentemente tiña que ser ben recibida. Parecía que alguén ía cumprir coa súa obriga como administración. Pero, a alegría dura pouco na casa do pobre. Eran uns actos de música e teatro. Benvidos sexan, pero da Xunta esperamos moito máis.

Esta cidade ten moitas potencialidades. O referido Camiño Inglés, asentar unha ruta modernista, o turismo naval, posibilidades dun turismo industrial que abarque ao conxunto da ría. É dicir, hai moito que podemos gañar e moito que facer. Está ben calquera achega, pero para iso abondaba con que a Xunta llo notificara ao Concello para incluílo no programa de festas. Quizais, vai sendo hora de que saiban que temos un dereito á cidade que esixe máis. Moito máis.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/xogar-ao-despiste/20170823210247200200.html