Incendiario

Quería preguntarlles se consideran que a letra dunha canción pode reflectir vivencias propias? Séntense interpelados cando oen cousas como o que canta Robe Iniesta? “Todos din que son un incendiario, que acendo fogueiras só con falar”. Pero, tamén din que a verdade fainos libres fronte a aquelas e aqueles que queren impoñer un relato falso. Mais, xa non son tempos para a lírica, por iso repitan comigo: négome a pedir desculpas.

Si, négome a pedir desculpas e máis ante aquelas e aqueles que pactan contra Ferrol. Si, digan comigo: négome a pedir desculpas por ser coherente e esixir que os nosos partidos sirvan para o ben común. Digan comigo: négome a pedir desculpas por usar a cabeza contra todos os muros que pretenden illar a ese Ferrol vivo que queremos con paixón, que xa pode haber sentenzas do Supremo ou do Federal US, que faremos de Ferrol unha cidade libre e moderna para o combate da vida.

https://www.diariodeferrol.com/content/print/incendiario/20181024235722240063

Peaxe eléctrico

Hai cinco anos a naronesa Megasa era noticia pola mobilización dos seus empregados. A pancarta, do Comité de Empresa, facía referencia á política eléctrica do Partido Popular como un lastre para a competitividade da industria e a estabilidade laboral. O certo é que dende a crise económica do 2008, e a suba abusiva dos custes enerxéticos, o conxunto das industrias españolas reclaman unha tarifa competitiva.

Estes días coñecíamos que a Comisión Europea daba por boa a tarifa eléctrica autonómica pactada polo Goberno vasco e Mariano Rajoy. Que considera que non vulnera as normas europeas contra as axudas encubertas. Descoñezo a opinión do presidente Feijóo dese pacto de costas a Galicia. Igual acaba botándolle a culpa a Pedro Sánchez.

Todo isto empeza en Aznar, por privatizar o sector público eléctrico e deixar ao Estado sen instrumentos adecuados para intervir. Vai sendo hora de poñer orden.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/peaxe-electrico/20181017221846239605.html

A enquisa do CIS

Para unha vez que quérenme facer unha enquisa do CIS quedei coas ganas. A entrevistadora buscaba un elector varón duns vinte e cinco anos, e hai tempo que ese perfil quedoume un chisquiño, pero só un chisquiño lonxe. Quedei coas ganas de saber cómo lle fóra o día e a cantas persoas visitara, cómo se distribuía a xente por idades e sexos, cómo ían os desencontros das e dos ferroláns cos seus partidos de referencia.

Porque estarán conformes comigo que, tal e cómo se anuncian, as próximas municipais de maio de 2019 van a estar moi concorridas. Non che sei se haberá papel para tanta candidatura. A saber, pola dereita: PP, Cidadáns, Coalición de Centro Democrático, Vox, Jubilados e Sentimento Ferrolán. Pola esquerda: Partido Socialista, FeC, Compromiso, Actúa, Marea de Ferrol e BNG. Seguro que me queda algunha sigla polo camiño. Eso si, maioría absoluta eu non a vexo por ningures.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/a-enquisa-do-cis/20181011001331239178.html

Benditas feridas

Cando lean esta columna, vostedes xa saberán como foille á pontesa Sabela Ramil. Onte era unha noite decisiva para ela, e din as miñas fillas -moi enganchadas- que vai a continuar en “Operación Triunfo”. E como elas son expertas, e máis á idade que teñen (14 e 10), non teño dúbida de que será así. Pero, non crean que sigo o programa. Son dos que estima que un bo concurso televisivo non pode ter tantas secuelas. Mais, non deixo de darme conta das súas repercusións -xunto coa enorme divulgación vía redes sociais- e a proxección que está a ter esta comarca, a través desta muller.

O importante vén da súa determinación por cantar en galego. Algo agora case prohibido, e máis, ante torquemadas cutres e separatistas como Toni Cantó. Sabela con esta canción de Rosa Cedrón está a facer país. Si, este xesto tan sinxelo e tan arriscado é un xeito de saudable patriotismo. Aínda temos remedio, hai futuro.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/benditas-feridas/20181003230214238636.html

Resistan

Si, resistan. Non fagan caso dese ruído de fondo que, por momentos, danos dor de cabeza. Ferrol non vai esmorecer, porque temos dereito a ser felices e a identificarnos con esta cidade. Fagan caso, resistan. Que nada lles achique o día, nin os anos que nos pasan por riba e non de balde, nin as dificultades persoais ou colectivas. Nin as novas dos medios de comunicación que parecen repetirse. Sexan positivos.

Alégrense por vivir nun lugar especial, cunha historia única, con enormes posibilidades de futuro. Sigan a desfrutar deste tempo, póñanlle música á vida, vida ás rúas. Saquen os seus móbiles e tiren fotos, hai lugares a esgallo por toda a cidade que ben vale o repicar ledo das campás, aí está toda a arquitectura de Rodolfo Ucha que entróncanos co Art Noveau europeo. Apúntese mañá á tarde a esa “perfomance” na Magdalena porque somos xente alegre e porque Ferrol é moderno. Sexan felices.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/resistan/20180927000325238050.html