Teimudos

Ante a falta de palabra e a inanición da autodenominada “clase política” un pode encoller os ombros e mirar para outro lado, ou ben, pode remangarse e turrar contra os elementos para que -as e os que fallan á cidadanía- saiban que imos facer todo o posible para obrigarlles a camiñar na dirección correcta.

Así, tres entidades ferrolás acaban de sumar esforzos para unha causa común: “Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración”. Foro Ferrol Vivo, Ruta Naval e Paferr decidiron sumar e xerar ilusión. Traballar xuntos para implementar e dar a coñecer o patrimonio das e dos ferroláns de cara á UNESCO.

Si, Ferrol será o que queiran as súas xentes. Así que non falten á cita deste sábado á mañá no salón da SGHN, en Canido. Aínda que sexa para darlles no morro a eses políticos que están tan ocupados que non teñen tempo que adicarlle á cidade, e cando o importante é estar xerando ilusión por Ferrol.

A oportunidade

É posible abrir portas e ventás a un pacto por Ferrol, sentar as bases da cidade ecolóxica que queremos para este século, construír a nosa forma de estar e entender este mundo globalizado. Apartar o oportunismo e a mediocridade dos que veñen a vivir do conto e as prácticas machistas das herdeiras da sección feminina, que odian ás verdadeiras feministas igualitarias.

A oportunidade vén, outra vez, da man das e dos socialistas, que este último domingo miraron cara ao seu espello. Decidiron pasar páxina, entenderon que non valen nin os xestos nin a palabraría baleiros, que non vale a mala política. É posible un novo programa socialista, saldar as contas pendentes e traballar por un Ferrol con futuro.

É posible unha ecoloxía feminista aplicada a un municipalismo libertador. O resultado das primarias do socialismo local permite que, en Ferrol, a cidadanía poida dicir aquelo de Obama: yes, we can!

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/a-oportunidade/20181121225120242001.html

Libres

Permítanme un apunte. Onte había unha morea de xente nova por Ferrol, saídos da convocatoria do Sindicato de Estudantes e da plataforma Libre e Combativas, contra o machismo e pola educación sexual nos centros de estudio.

A finais dos anos oitenta do século pasado, outros sairon de aquela pola defensa do ensino público e para obrigar á Xunta á construción de novos institutos que fixera fronte ás necesidades existentes. Algúns pasaron pola primeira Coordinadora de Estudantes de Ferrol e, case un chisco despois, xa plenamente polo Sindicato de Estudantes.

O que está a acontecer, con estas novas xeracións, é a plena incorporación dun feminismo que ten interiorizado -que sentar as bases dunha plena igualdade- require cuestionar tamén a sociedade de clases, que non vale cunha simple achega de mulleres a postos directivos e que van reproducir os roles dos seus colegas. Si, libres e combativas.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/libres/20181115011335241616.html

Caput

O pleno municipal último amosa moi ben como está Ferrol, é toda unha desfeita. Se hai seis meses, ou incluso quince días, a cidade podía mirar con optimismo unha saída da parálise e cuns orzamentos aprobados polo conxunto da esquerda, hoxe -o certo- é que parece que seguimos a senda do “austericidio”, palabra tan usada polo activismo de novo cuño, para designar aos orzamentos tutelados e que, basicamente, xiran no pago á banca.

Dicir que co pago da débeda hai a posibilidade de mellorar o financiamento de novos investimentos no 2019 é, simplemente, o recoñecemento dun fracaso. Ben sexa por falta de persoal, de proxectos, por falta de xestión propia, bloqueo institucional ou todo xunto. En calquera caso, amosa que en todos estes anos non se fixeron os deberes. A redución do investimento, tamén significa menos servizos e, polo tanto, menos dereitos reais para a veciñanza, simplemente iso.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/caput/20181107233632241066.html

Arredor dun café

Ás veces, vén ben tomar un café con amigos como Fernando que veñen de lonxe acompañándote. Aínda que quen mire desde fóra poida achacarnos xa “entrar nunha idade difícil”, pero non deixa de ser interesante que este amigo, cun vínculo especial coa Graña, comparta contigo a súa visión deste singular barrio de Ferrol.

Ver como, coa a escusa da crise, o Sergas levou por diante o seu centro de atención primaria, cando hai unha alta poboación maior, que agora ten que baixar obrigada a Serantes, sen ter unha liña de transporte público directa e axeitada. Acostumados a ter de aquela, ademais, a un médico tan mediático e hiperactivo -e agora en Narón- como Carlos Piñeiro.

Pero, non parece que no mundo feliz de Feijóo os responsables dos recortes pretendan devolver dereitos e servizos á cidadanía, máis cando están a idear unha maior precariedade cun aumento de médicos itinerantes e a todo filispim.

https://www.diariodeferrol.com/content/print/arredor-dun-cafe/20181031220136240527