Benditas feridas

Cando lean esta columna, vostedes xa saberán como foille á pontesa Sabela Ramil. Onte era unha noite decisiva para ela, e din as miñas fillas -moi enganchadas- que vai a continuar en “Operación Triunfo”. E como elas son expertas, e máis á idade que teñen (14 e 10), non teño dúbida de que será así. Pero, non crean que sigo o programa. Son dos que estima que un bo concurso televisivo non pode ter tantas secuelas. Mais, non deixo de darme conta das súas repercusións -xunto coa enorme divulgación vía redes sociais- e a proxección que está a ter esta comarca, a través desta muller.

O importante vén da súa determinación por cantar en galego. Algo agora case prohibido, e máis, ante torquemadas cutres e separatistas como Toni Cantó. Sabela con esta canción de Rosa Cedrón está a facer país. Si, este xesto tan sinxelo e tan arriscado é un xeito de saudable patriotismo. Aínda temos remedio, hai futuro.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/benditas-feridas/20181003230214238636.html

Núñez Feijóo, tocado!

Hoxe é un mal día para o Presidente da Xunta de Galicia. A pesar de ser un día laborable, a pesar da presión mediática da dereita española, onte as rúas de Compostela estiveron ateigadas de xentes vida de todo o País, de todas as cores. Feijóo sabe que ten que rectificar co galego; reincidir no ataque ao País supón cuestionar a súa capacidade para dirixir o Goberno galego. Non hai Galicia sen galego. Non hai Goberno que resista contra o galego.

Claro que iso obrígalle a enfrontarse cos sectores máis carcas do PP español, con aqueles sectores que apoiándose nun mundo mediático de dereitas queren impor como única lingua oficial o castelán. A pretensión de inmersión lingüística en castelán, e a prohibición de facto das demais linguas españolas, queda fóra da Constitución e dos Estatutos de Autonomías das Nacionalidades Históricas; ademais, non deixa de ser un xeito de amosar o carácter separatista da dereita. Herdeiros históricos e histéricos de aqueles que expulsaron da unidade peninsular aos portugueses, agora parecen que non van parar até botarnos a galegos, vascos e cataláns.

España é a suma de todos os seus pobos e dos seus cidadáns, incluídas as persoas que veñen de fóra das nosas fronteiras, sexan estas europeas ou de alén. España é a suma das súas culturas e linguas.

Fuco Buxán estivo en Compostela, como parte desa babel de cores socio – culturais, políticas, sindicais, etc. Para pedirlle ao Presidente Feijóo que rectifique e volva ao campo democrático e de defensa desta cultura, deste País. De seguir facendo oídos xordos a sociedade galega terá dereito a abrir unha nova etapa política. Un Presidente que non exerce de galego debe dimitir e convocar eleccións para que os cidadáns teñan a oportunidade de reconducir a situación e pór ao fronte do País a quen si crea nel.

(Diario de Ferrol, 2 febreiro 2010)

Galeg@s somos

galegos somos - fucobuxan

Multitudinaria foi hai unhas horas a manifestación a prol do galego en Santiago, convocada pola Plataforma “Queremos Galego”. O PP e o Presidente Feijoó deben rectificar os seus ataques contra a lingua propia do País.

Unha marea de xentes de todas as coras políticas e dos movementos socio-culturais do País, dixéronlle ao Goberno da Xunta de Galicia que vai por mal camiño. Non se pode atacar a seña básica, a raíz do que somos, sen ter enfronte á sociedade galega e aos seus cidadáns. O PP debe voltar ao consenso lingüístico que rachou por facerlle as beiras aos ultras que queren que o idioma desapareza, e Galicia sexa monolingüe en castelán.

Ademais, é evidente que a manifestación de hoxe en Compostela – ante unha oposición que aínda non fixo a lectura correcta da derrota electoral das eleccións autonómicas do 1 de marzo – marca a liña a seguir fronte un PP ávido de desmantelar os dereitos dos cidadáns, non só no galego, senón nos servizos sociais, a sanidade e o ensino públicos; ávidos de reducir as liberdades colectivas, individuais e o minguado Estado de Benestar galego.

O espírito de “Nunca Máis” segue vivo, e que non se confundan no Partido Popular, gañar unhas eleccións non lle dá dereito para acabar coa base material e inmaterial da democracia. Sobre todo, cando esa vitoria descansa nunha Lei electoral que prima o voto por territorios sobre a propia poboación; foi a distribución provincial de escanos o que lle deu a maioría absoluta, os seus votos seguen a ser inferiores á suma de PSdeG – PSOE e BNG.

A Asociación Fuco Buxán tamén estivo en Compostela hoxe. A pancarta é a que encabeza este comentario. Intenta reflectir que a raíz dos galegos, de Galicia é o galego. Simple, pero sinxelo.