Pepitas

É certo que teño devoción por esta cidade nosa. Ferrol coas súas afoutezas e coas súas debilidades. É certo que son dos que pensa que necesitamos de cousas que unan, que sirvan para apuntalar un relato común necesario para todo proxecto de cidade.

É certo, tamén, que teño recoñecido nestas páxinas, xa hai uns anos, que as Pepitas – que este ano celébranse en setembro por mor da pandemia – eran practicamente o único que formaba parte da nosa identidade común, por riba de leas sociais ou políticas.

Máis, nos últimos anos, estamos a construír ese novo relato que, a poucos, van deixando de lado o vitimismo e o desleixo que afecta a Ferrol: As Meninas, O Camiño Inglés, Ferrol da Ilustración, Batalla de Brión… Poden parecer cousas pequenas, pero son fundamentais como banda sonora da cidade soñada e que, por tanto, seremos. Porque, a ciencia certa, somos o que soñamos e o camiño que facemos.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3151040/pepitas

Ucha

É de ben nacido ser agradecido. Por iso, o nomeamento como fillo adoptivo de Rodolfo Ucha, que a actual corporación municipal de Ferrol está tramitando é axeitado. Así, tamén, hai que dicir que o vídeo protagonizado pola súa filla Lucila é moi emotivo. Non resulta estraño que xa supere varios milleiros de visualizacións.

Deste recoñecemento todas e todos debemos sentirnos partícipes. Ucha é o responsable de que Ferrol sexa quen de poder presumir dun amplo legado modernista (e, polo tanto, do chamado “Art Nouveau”), comparable con outras moitas grandes cidades europeas.

Cuestión que débese ao bo facer de quen foi arquitecto municipal durante moitos anos, e como el dicía pola capacidade dos traballadores de Ferrol para desenvolver de xeito salientable os diversos oficios. Na Magdalena, especialmente, vese a pegada de Rodolfo Ucha. A capacidade de crear e un xeito de ser e vivir. Si, Ferrol é moderno.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2435253/ucha

Destino ilustrado

Saben da miña querenza polos proxectos innovadores que fan marca Ferrol. Eses que suman esforzos, que van caendo por decantación pero que teñen un valor moito máis alá do inmediato e tanxible incluso. O proxecto de facer da nosa cidade o primeiro destino turístico ilustrado ten a forza de amosar a capacidade de crer nas nosas propias cualidades e de promover o orgullo do que fomos, pero moito máis do que queremos ser. E estas cousas nos tempos da pandemia é unha sorte colectiva que precisamos.

As sinerxías das concelleiras Eva Martínez e Mayte Deus xunto a hostaleiros e comerciantes tráenos esta iniciativa da Rede de Espazos Ilustrados, que van sumarse á Ruta e, indubidablemente, á homenaxe a Rodolfo Ucha. O traballo constante e colectivo pola cidade paga a pega. Ferrol necesita crer en si mesma, necesita de proxectos ilusionantes e colectivos. Somos unha cidade moderna, ilustrada, viva.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/destino-ilustrado/20210119203319295272.html

Resistan

Si, resistan. Non fagan caso dese ruído de fondo que, por momentos, danos dor de cabeza. Ferrol non vai esmorecer, porque temos dereito a ser felices e a identificarnos con esta cidade. Fagan caso, resistan. Que nada lles achique o día, nin os anos que nos pasan por riba e non de balde, nin as dificultades persoais ou colectivas. Nin as novas dos medios de comunicación que parecen repetirse. Sexan positivos.

Alégrense por vivir nun lugar especial, cunha historia única, con enormes posibilidades de futuro. Sigan a desfrutar deste tempo, póñanlle música á vida, vida ás rúas. Saquen os seus móbiles e tiren fotos, hai lugares a esgallo por toda a cidade que ben vale o repicar ledo das campás, aí está toda a arquitectura de Rodolfo Ucha que entróncanos co Art Noveau europeo. Apúntese mañá á tarde a esa “perfomance” na Magdalena porque somos xente alegre e porque Ferrol é moderno. Sexan felices.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/resistan/20180927000325238050.html

Xogar ao despiste?

O luns á tarde chegábame a información dunha xuntanza entre o concelleiro de cultura e a directora xeral de turismo a causa do Camiño Inglés. Falábase duns investimentos para Ferrol, noticia que evidentemente tiña que ser ben recibida. Parecía que alguén ía cumprir coa súa obriga como administración. Pero, a alegría dura pouco na casa do pobre. Eran uns actos de música e teatro. Benvidos sexan, pero da Xunta esperamos moito máis.

Esta cidade ten moitas potencialidades. O referido Camiño Inglés, asentar unha ruta modernista, o turismo naval, posibilidades dun turismo industrial que abarque ao conxunto da ría. É dicir, hai moito que podemos gañar e moito que facer. Está ben calquera achega, pero para iso abondaba con que a Xunta llo notificara ao Concello para incluílo no programa de festas. Quizais, vai sendo hora de que saiban que temos un dereito á cidade que esixe máis. Moito máis.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/xogar-ao-despiste/20170823210247200200.html