Benditas feridas

Cando lean esta columna, vostedes xa saberán como foille á pontesa Sabela Ramil. Onte era unha noite decisiva para ela, e din as miñas fillas -moi enganchadas- que vai a continuar en “Operación Triunfo”. E como elas son expertas, e máis á idade que teñen (14 e 10), non teño dúbida de que será así. Pero, non crean que sigo o programa. Son dos que estima que un bo concurso televisivo non pode ter tantas secuelas. Mais, non deixo de darme conta das súas repercusións -xunto coa enorme divulgación vía redes sociais- e a proxección que está a ter esta comarca, a través desta muller.

O importante vén da súa determinación por cantar en galego. Algo agora case prohibido, e máis, ante torquemadas cutres e separatistas como Toni Cantó. Sabela con esta canción de Rosa Cedrón está a facer país. Si, este xesto tan sinxelo e tan arriscado é un xeito de saudable patriotismo. Aínda temos remedio, hai futuro.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/benditas-feridas/20181003230214238636.html

Galeg@s somos

galegos somos - fucobuxan

Multitudinaria foi hai unhas horas a manifestación a prol do galego en Santiago, convocada pola Plataforma “Queremos Galego”. O PP e o Presidente Feijoó deben rectificar os seus ataques contra a lingua propia do País.

Unha marea de xentes de todas as coras políticas e dos movementos socio-culturais do País, dixéronlle ao Goberno da Xunta de Galicia que vai por mal camiño. Non se pode atacar a seña básica, a raíz do que somos, sen ter enfronte á sociedade galega e aos seus cidadáns. O PP debe voltar ao consenso lingüístico que rachou por facerlle as beiras aos ultras que queren que o idioma desapareza, e Galicia sexa monolingüe en castelán.

Ademais, é evidente que a manifestación de hoxe en Compostela – ante unha oposición que aínda non fixo a lectura correcta da derrota electoral das eleccións autonómicas do 1 de marzo – marca a liña a seguir fronte un PP ávido de desmantelar os dereitos dos cidadáns, non só no galego, senón nos servizos sociais, a sanidade e o ensino públicos; ávidos de reducir as liberdades colectivas, individuais e o minguado Estado de Benestar galego.

O espírito de “Nunca Máis” segue vivo, e que non se confundan no Partido Popular, gañar unhas eleccións non lle dá dereito para acabar coa base material e inmaterial da democracia. Sobre todo, cando esa vitoria descansa nunha Lei electoral que prima o voto por territorios sobre a propia poboación; foi a distribución provincial de escanos o que lle deu a maioría absoluta, os seus votos seguen a ser inferiores á suma de PSdeG – PSOE e BNG.

A Asociación Fuco Buxán tamén estivo en Compostela hoxe. A pancarta é a que encabeza este comentario. Intenta reflectir que a raíz dos galegos, de Galicia é o galego. Simple, pero sinxelo.