É posible abrir portas e ventás a un pacto por Ferrol, sentar as bases da cidade ecolóxica que queremos para este século, construír a nosa forma de estar e entender este mundo globalizado. Apartar o oportunismo e a mediocridade dos que veñen a vivir do conto e as prácticas machistas das herdeiras da sección feminina, que odian ás verdadeiras feministas igualitarias.
A oportunidade vén, outra vez, da man das e dos socialistas, que este último domingo miraron cara ao seu espello. Decidiron pasar páxina, entenderon que non valen nin os xestos nin a palabraría baleiros, que non vale a mala política. É posible un novo programa socialista, saldar as contas pendentes e traballar por un Ferrol con futuro.
É posible unha ecoloxía feminista aplicada a un municipalismo libertador. O resultado das primarias do socialismo local permite que, en Ferrol, a cidadanía poida dicir aquelo de Obama: yes, we can!
Quería preguntarlles se consideran que a letra dunha canción pode reflectir vivencias propias? Séntense interpelados cando oen cousas como o que canta Robe Iniesta? “Todos din que son un incendiario, que acendo fogueiras só con falar”. Pero, tamén din que a verdade fainos libres fronte a aquelas e aqueles que queren impoñer un relato falso. Mais, xa non son tempos para a lírica, por iso repitan comigo: négome a pedir desculpas.
Si, négome a pedir desculpas e máis ante aquelas e aqueles que pactan contra Ferrol. Si, digan comigo: négome a pedir desculpas por ser coherente e esixir que os nosos partidos sirvan para o ben común. Digan comigo: négome a pedir desculpas por usar a cabeza contra todos os muros que pretenden illar a ese Ferrol vivo que queremos con paixón, que xa pode haber sentenzas do Supremo ou do Federal US, que faremos de Ferrol unha cidade libre e moderna para o combate da vida.
Revolvendo re-atopei un compacto que foi moi importante no devir do grupo folk Berrogüetto, aquel que conmemoraba os seus dez anos de andainas e publicado no dous mil seis. Era, tamén, un disco de consolidación de Guadi Galego como voz e, dende aquela, a teño sempre presente entre os meus gustos musicais. É certo que tamén son máis de grupos e voces que de estilos.
Son dos que cren que hai unha complicidade cos músicos, e que cando unha obra chega ás mans do público, é propiedade das dúas partes. Así, ocorreu que durante un tempo estiven “enfadado” porque a primeira canción deste disco, “Xente”, foi cedida para unha campaña electoral (aínda que considero esencial o compromiso dos nosos artistas). Tardei un tempo en reapropiarme do “Xente”. E estes días volve a soarme, porque é “xente que namora, diferente, intelixente, xente divertida e que non se vende”.