Fake News

Dirán que son un friki, pero eu estou subscrito ao canal do Concello para avisos vía “guasap”. E máis, porque a xente que me coñece sabe que odio esta “aplicación”. Pero, foi así como coñecín o desmentido de que novamente a auga de Ferrol non valía para consumo, era unha falsa noticia difundida estes días polas redes sociais. Iso que agora, pomposamente, chaman “fake news”. E ese é o problema, a difusión de cousas falsas co ánimo de crear problemas.

Así tamén, hai uns días chegoume -tamén vía whatsapp- unha que aseguraba da necesidade de solicitar ante a Seguridade Social a actualización das pensións das viúvas sen máis ingresos. Así que como bo fillo presenteime -incauto de min- co impreso correspondente na esquina da rúa Catalunya, a carón da praza de España, e non vexan que cara de parvo se me tivo que quedar cando a funcionaria contábame que a aplica de oficio a propia Administración.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/fake-news/20180919221450237522.html

De costas ao tren

Escoitei na radio a un voceiro da Plataforma de Defensa do Tren Ferrol Ribadeo. Amosaba as críticas de como se mal xestionou a liña de Feve. Con numerosas incidencias, avarías, esperas e transbordos a buses, con redución de revisores e servizos cando maior era a demanda este verán. Falaba dunha “clara intencionalidade de molestar e expulsar aos usuarios”, dun auténtico boicot.

A administración, RENFE e Adif teñen a impresión de que o “tren da costa” é unha extravagancia, que non é rendible e que non paga a pena. Ademais, pretenden xestionar este tren, basicamente rural, como se fose o metro de Madrid, de aí a súa teima en reproducir o sistema de mallas pechadas entre paradas. Son incapaces de ver o carácter estratéxico para Galicia e o norte de España, incapaces de ver o seu potencial para o desenvolvemento sostible do territorio, do patrimonio natural e cultural e para un turismo de calidade.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/de-costas-ao-tren/20180913001351236876.html

Pufo portuario

Están na Xunta a berros, que debe ser que Pedro Sánchez é o presidente de Galicia e que abandonaron a confraría dos caladiños da etapa Rajoy. Agora calquera cousa é un insulto ás galegas e aos galegos, a última a liquidación da débeda do Consorcio de Valencia que organizaba aqueles eventos como a Copa América ou a Fórmula 1 para pasear ao ex presidente Paco Camps e os seus traxes.

Persoalmente, creo que primeiro débese avaliar a xestión da cousa pública, saber se foi correcta ou non, se houbo incapacidade, neglixencia ou dolo. E isto tamén vale para as débedas das novas infraestruturas dos portos galegos.

De veras, a dereita ferrolá, quere un trato similar para o noso porto exterior ou hai truco? O certo é que o gran beneficiado sería o de Coruña e cuxa xestión está posta en cuestión, tamén competidor directo do noso e cunha débeda seis veces superior á da Autoridade Portuaria de Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/pufo-portuario/20180905215138236169.html

Aduanas

O interese xeral e a solidariedade non son feitos que abonde nas Administracións. Normalmente, cada unha actúa dándolle pulo ao seu e se poden fan caixa, para despois vendernos iso como xestión. Así que a resposta do Goberno de España, a raíz do antigo edificio de Aduanas de Ferrol, é a esperada. Non o van ceder de balde, hai unha lei en vigor que o prohibe e o teñen á mellor oferta.

Pero, este inmoble só merece unha pregunta parlamentaria? De veras -no Gabinete ministerial e a persoa titular- saben que, as e os ferroláns, o queremos para nós? Alguén notificoulles oficialmente o deterioro do edificio, que é un foco infeccioso? Dende o Concello foron quen de implicar, por exemplo, á Deputación? Hai financiamento para rehabilitar e acordo de usos? Hai unha proposta ao Ministerio de venda simbólica ou é posible algún tipo de intercambio? Fixemos os deberes? A política é buscar solucións.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/aduanas/20180822230933234819.html