Are you understand…?

Ángel Mato será o próximo alcalde de Ferrol. Seguramente, esta foi a campaña de eleccións municipais – vivida polo socialismo local – máis complicada. Moitas dificultades, incluídas unhas eleccións xerais pola metade e algúns que moito fixeron por aupar a José Manuel Rey.

Posiblemente, todo este conxunto de cousas expliquen a diferenza que teñen as forzas políticas ferrolás, nos seus resultados, entre as europeas e as municipais. Seguramente, todas estas dificultades impediron o noveno concelleiro para o PSdeG e outros, tanto quixeron axudar ao PP, que acabaron por “afogar” a Langtry.

Ábrese a posibilidade de sentar as bases do desenvolvemento de Ferrol para a próxima década. Permítanme unha anécdota do novo alcalde, que este domingo axudaba a presentar unha reclamación a un cidadán, de fala inglesa, e que da título a esta columna hoxe. Cómo ben di Mato: entendemento, consenso e eficacia.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/are-you-understand/20190529233432257329.html

María Xosé Porteiro

Permítanme un comentario sobre esta periodista e escritora de recoñecida traxectoria, a cal coñecín – inicialmente – na súa etapa de dirixente política. Co transcurso dos tempos, fun o responsable da súa presencia en Ferrol para presentar a que fora a súa primeira novela “Covardes” (hai máis dunha década), que xiraba arredor da vida de mulleres prostituídas en Vigo.

Naquel tempo, tamén fun o responsable de publicar, na revista de Fuco Buxán, un artigo seu sobre violencia de xénero, acompañándoo precisamente da portada daquel libro, que xenerou un debate de se a prostitución era ou non violencia contra das mulleres.

Agora, e editado por Galaxia, Porteiro trae unha nova novela: “Sándalo”. Unha historia que percorre douscentos anos de historia, sociedade secretas, política e erotismo. Unha historia que volve a enlazar a Galicia con esa Cuba, que provócanos eses sentimentos tan preto do corazón.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/maria-xose-porteiro/20190522211251256698.html

As outras eleccións

Permítanme recomendarlle – a algunhas persoas – que deixen de mirar tanta enquisa local. Hai xente que ten os nervios desatados, incendian as redes sociais e outros, como vimos, usan malas artes en contra do candidato Ángel Mato.

De xeito paralelo ás locais hai eleccións sindicais, as primeiras cun ciclo económico favorable. No ámbito local hainas na siderurxia, na sanidade e no naval, por citar tres exemplos. É evidente o interese do que pase na antiga Bazán, tras a sinatura do seu último convenio e plan de empresa. Manterá CCOO a hexemonía? O que pase nas eleccións en Navantia, marcará todo o panorama sindical da comarca de Ferrol.

No país debera abrirse paso o novo Estatuto dos Traballadores, que están a negociar PSOE e sindicatos, fronte á reforma laboral que rachou con dereitos e que provocou unha baixada xeral de salarios. Hoxe a metade das e dos traballadores non gañan nin 1200€ ao mes.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/as-outras-eleccions/20190515191327256257.html

Dereito á cidade

Nas últimas décadas pasamos das vellas urbes pensadas como complemento para as industrias, ás cidades de servizos que dependían da capacidade de consumo ou das políticas asistenciais, das administracións locais, a unha revitalización do concepto do “dereito á cidade”. Entendendo este como un dereito real e permanente a facer das nosas urbes un espacio de liberdade e desenvolvemento das capacidades das persoas e do seu dereito á felicidade, facer da cidade o espazo vital e humanizado que debe ser.

Así unha vez máis, Canido volve a ser unha referencia fundamental do Ferrol que queremos. Mañá á tarde – no seu Centro Cívico – poderemos ser partícipes dunhas xornadas sobre unha cidadanía activa e a construción da cidade que necesitamos, empezando por un urbanismo inclusivo, proxecto de vivenda básica e coñecer a presentación, a cargo da propia asociación de veciños, da “Estratexia Canido 2030”. Alí estaremos.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/dereito-a-cidade/20190508200922255778.html

Far Away Place

Hai un par de anos a rúa do Sol estaba cortada. Non era por causa dun incidente, nin por unha repentina actuación de algún servizo municipal. Eran un grupo de mozos que atravesaran unha batería, e tres guitarras. Far Away Place, cun sonido moi potente, con claras influencias de ACDC, un grupo de xente moza de aquí. Xente nova que amosa claramente que Ferrol está moi vivo, que aquí hai moito para facer e que Ferrol mola.

Hai uns días recibín a súa visita. Trouxéronme o seu primeiro CD, que leva o nome do propio grupo. Foi este un traballo financiado polo sistema de microcréditos, e xunto co seu disco un par de pegatinas e unha camiseta, que podo dicir que xa estreei con orgullo nun destes días soleados.

Non se sorprendan que neste mundo globalizado – cada día máis preto – acaben tocando nun gran estadio cos grandes do rock duro. Un sonido contundente “made in Ferrol”. Parabéns e boa sorte.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/far-away-place/20190501200705255209.html