Vivendas en alugueiro

Estamos asistindo a un sostido aumento do prezo da vivenda en alugueiro no conxunto de Galicia. É certo que Ferrol vai por detrás da media, pero non é casual que aquí haxa xa algún fondo voitre facendo acopio de inmobles.

É certo que hai un importante parque de vivenda municipal, para o cal é necesario a actualización “definitiva” do seu padrón, fixar criterios obxectivos e sustanciar dunha vez os dereitos históricos dos (poucos) propietarios de Recimil. Tamén hai vivenda da Xunta de Galicia. O normal sería unificar uns criterios obxectivos e avaliables temporalmente.

Mais a Administración Autonómica só axuda a un 20% das familias en dificultades económicas. É a única que non achega recursos propios, só xestiona os cedidos polo Goberno de España. Así mesmo, acaba de expulsar a máis persoas ao baixar en 300€ o tope de ingresos. É dicir, se vostede gaña 1076€ non ten dereito segundo a Xunta de Galicia.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/vivendas-en-alugueiro/20190918232037265019.html

Sempre Recimil

O barrio de Recimil non ten boa sorte, a maioría das noticias que temos as e os ferroláns na memoria son en negativo. Non é culpa da xente que vive nel. Fundamentalmente, é causa dunha incapacidade -case xenética- da mal chamada “clase” política local. Incapaz por chegar ao Concello sen unha idea de cidade, para cando máis se teñen que dar valor a este céntrico barrio, na que moitos buscaban xustificar -hai uns anos- a súa demolición para especular.

Ser conexión entre Esteiro, o centro e os Ensanches. A súa praza de abastos, os espazos interiores, ou o propio colexio de Recimil son valores a reivindicar. Lonxe queda a ilusión de plans socio comunitarios e censos varios. A desidia, das diversas administracións e dos sucesivos gobernos locais, é responsable do que acontece. As “okupacións” e os problemas de convivencia son produto de quen non asume a súa función como administración.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/sempre-recimil/20180412011200222508.html

Propaganda

É normal que ninguén crea que o acordo do pleno de Ferrol, sobre a rehabilitación integral e a elaboración do plan socio-comunitario para Recimil, sexa máis que un anuncio oportunista de boas intencións. Dende cando á dereita preocúpalle este barrio, mais cando de sempre apostaron polo seu derrube total?

Estamos ante un goberno da dereita sen xestión e apurando obras alleas grazas ao Plan Urban. Ás portas dunhas novas eleccións. Sumado á desfeita que sofre o PP con ducias de dirixentes imputados. Evidentemente, teñen medo da factura a pagar en maio de 2015.

#PPropaganda

#PPropaganda

O certo, e o vimos este domingo coa propaganda institucional, é que a dereita está nunha desaforada campaña de imaxe. Pero, os propietarios históricos e os inquilinos legalizables xa teñen todos os argumentos para amargarlle a campaña electoral a José Manuel Rey. A xente está farta de promesas.

Enlace web a @DiarioFerrol.

Recimil 2020

Foto ©AVV San Fernando Recimil (Ferrol)

O alcalde José Manuel Rey quere agora un pacto para Recimil, a sete meses das eleccións municipais. Quizais porque prevese que van mudar as correlacións de forzas no Concello. Así, o posible acordo deberá ser referendado polas direccións dos partidos ferroláns, ao estar todos os grupos municipais á espera da súa renovación.

Pero, evidentemente, a base do pacto non pode ser o seu programa, Ferrol 2020, que pretendía amontoar a aqueles veciños que non puideran botar, para dedicar o resto do barrio a un novo pelotazo urbanístico. Todo acordo pasa pola rehabilitación integral, por recoñecer os dereitos dos propietarios históricos e por poñer ao día a todos aqueles inquilinos que, verdadeiramente, necesiten da solidariedade.

As máis de mil vivendas, os cento vinte locais existentes, dan para unha intervención nos eidos da dinamización económica, cultural e dos servizos. Así, tamén para unha importante oferta de alugueiro social que, en definitiva, require da constitución dunha empresa municipal ferrolá da vivenda.

Enlace web ao Diario de Ferrol (Columna “Letras de Cambio”).