Un acordo por Ferrol

Ángel Mato e o grupo socialista lograron a aprobación do chamado “Convenio de Defensa”. Era tempo de pechar o estéril debate deste últimos trinta anos. Pode gustar máis o menos, podemos ser críticos con que o ministerio de Defensa actúe como unha inmobiliaria, pero tocaba resolver. Por iso, é de agradecer o cambio de opinión do Partido Popular e tamén de Ferrol en Común.

Pero, seríamos incautos se consideraramos o acontecido como a evidencia de que si podemos artellar acordos de cidade? Quizais o preto que están as vindeiras eleccións municipais obrigaron a mudar dinámicas de non colaboración co actual goberno municipal?

Así estes días Rafael Fernández Beceiro, novo concelleiro de Facenda, xa tivo que facer fronte ás acusacións por parte da dereita e do nacionalismo sobre o nivel de investimento. E el non deixa de ter razón. Aquel goberno de maioría absoluta de Rey Varela só foi capaz de facer a metade de investimento, có actual goberno en minoría de Ángel Mato. Como vemos, realmente o importante é ter un proxecto de cidade e lograr abrir dinámicas que permitan sumar e lograr implementar o consenso social na cidade. Ás veces, menos suman máis, porque é cuestión de vontade e de traballo.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/acordo-ferrol-4204009

IBI

Esta é unha cidade creada a imaxe e semellanza do racionalismo que deriva da tecnoloxía naval e militar. Somos o que somos porque nós facemos barcos – que diría a ministra de Traballo Yolanda Díaz – e mires para onde mires hai ao longo de Ferrol un feixe de instalacións que, directamente, teñen que ver coa defensa nacional. Pero, unha cousa é ter alma naval e outra é que se xeneren plusvalías que acaben, sen máis, cotizando na capital do Reino de España.

Si, a reclamación dunha compensación por parte do Ministerio de Defensa é axeitada. De aí o acerto do alcalde Ángel Mato, que entendeu que este é un tema de cidade e apoiara no pleno da semana pasada a proposta nacionalista, tamén referendada polos comunes e populares. Isto permite ter unha voz única e a Mato exercer as súas responsabilidades, as que lle corresponde como primeiro edil ante esa Administración central que el coñece ben.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/ibi/20201110231039291266.html

Van máis de cen días

Estaría ben que todos os grupos políticos do Concello de Ferrol chegaran a acordos de cidade, renunciando así a reiterar a situación dos últimos oito anos. Esta proposta foi un dos eixos da candidatura, e do discurso do actual alcalde Ángel Mato, durante a súa campaña electoral.

Hai moitas cuestións que resolver, así que cada quen pode facer a lista que máis lle apeteza e, seguramente, a poderíamos ampliar de xeito case exponencial. Esperemos que, das palabras e dos eternos lamentos, pasemos aos feitos.

Por poñer uns exemplos aí está a sentenza 62/2018 sobre o saneamento que, sen entrar na cuestión de fondo, si deixa claro o erro de recibir unhas instalacións cun funcionamento inadecuado e que dan orixe ao actual problema da taxa. A necesidade de pechar xa, tras trinta anos, o convenio urbanístico con Defensa ou como superar a falta de apoio da Xunta de Galicia á candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/van-mais-de-cen-dias/20190925233057265483.html

Así non

A semana pasada a concelleira de Urbanismo e o alcalde de Ferrol manifestaban a súa alegría -tras pasar o trámite ante Patrimonio da reforma de Armas- e máis, pola sintonía plena coa técnica da Xunta. Pero, nisto saía a voceira do PP local a dicir que había problemas e así foi na resposta oficial. A Xunta vincula a reforma á tutela por parte da súa área de Urbanismo, cando non hai obriga legal de manter o aparcadoiro subterráneo.

Coñecíamos a decisión do Consello de Ministros declarando o Arsenal e outros bens (con case catro millóns de m2) zona de interese nacional, sen contar coas necesidades de Ferrol no seu desenvolvemento. Aquí o importante non é a defensa nacional, senón facer caixa a costa da cidadanía.

Algo terá que dicir o señor Conselleiro e candidato “in pectore” sobre estes “contratempos”? Porque, así non. Ferrol importa, temos dereito á cidade e a que creza gañando o futuro.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/asi-non/20180503011136224748.html

Cleanet

Foron a Madrid, pero seguirán de folga. Son conscientes de que a loita vale a pena, porque é a súa única garantía. Están en xogo os seus empregos, e necesitan que dende o Ministerio de Defensa entendan cales son as súas obrigas.

14-10-29Cleanet_VíaCIGNon vale escusarse en que non son persoal laboral do Estado. Precisamente, iso é unha maior responsabilidade que teñen dende a Administración central. Mais, cando esta última tiña que velar polo emprego estable e de calidade.

Creo, ademais, que no caso de Cleanet hai unha maior discriminación. Trátase dunha empresa de limpeza, onde case a práctica totalidade son mulleres traballadoras. Se fosen fundamentalmente unha empresa de varóns, hai tempo que estaría resolto. En todo caso, o Ministerio de Defensa debe resolver o asunto de xeito satisfactorio, que a xente cobre os seus salarios e que sigan elas todas e todos a traballar.

Enlace a Diario de Ferrol (Letras de Cambio)