Sobreactuación

Nótase que están moi cerca as novas eleccións xerais do dez de novembro. Feito que comeza a contaminar a política municipal, só así enténdese a sobreactuación de algúns no último pleno de fin de mes. Se non que expliquen porque despois de tanta quenda de palabra – na maioría dos casos innecesarias – despois de tanto enfrontamento, acaben votando case todo xuntos.

Antonte o presidente da Deputación acertaba cunha frase na reunións de alcaldes pola problemática de Endesa: “todos somos culpables”. Esa é a impresión que ten unha boa parte da cidadanía e máis cando as cartas están marcadas.

Cando menos no eido local débese resolver os problemas máis inmediatos da cidadanía, e a xente merece que deixen de xogar con eles ao escondite. Prevese uns tempos políticos movidiños. Recoméndolles un pouco de tranquilidade e que cada quen poña o mellor da súa parte. Ferrol necesita acordos e non pode seguir á espera.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/sobreactuacion/20191002204139265896.html

Por Ferrol

As esquerdas ferrolás teñen que aproveitar a súa ocasión para facer unha aposta, de verdade, pola cidade. Hai necesidade dun verdadeiro programa conxunto que deseñe o futuro a curto e medio prazo, pero tamén sen cometer o erro de querer cambialo todo facendo penitencias innecesarias e alimentando á dereita.

O inmediato é unha auditoría das contas e frear pelotazos urbanísticos como o proxectado coa remodelación do mercado de Caranza. Tamén, hai que ter en conta como facer fronte á reforma local impulsada polo PP que pretende coaccionar aos concellos. Isto non é asunto menor. Por exemplo, afecta a como remunicipalizar a auga, a limpeza ou recuperar servizos sociais básicos.

Non se trata, simplemente, de xestionar ou representar. Senón, de recuperar a política con maiúscula, de ensanchar a democracia e o empoderamento da xente. Primeiro ás persoas.

Enlace a Diario de Ferrol.

Ferrol ben merece un pacto

A nosa cidade está nunha situación crítica por mor da enésima crise do naval e agora súmase a provocada pola avaricia da dereita financeira. Esta é a batalla decisiva pola supervivencia de Ferrol como integrante das “grandes cidades de Galicia”.

A reconversión dos anos oitenta supuxo unha quebra que non puidemos aínda superar. Indubidablemente, a primeira responsabilidade é socialista, e a algúns non nos “exime de culpa” pese a participar nos piquetes de aqueles anos, ou as nosas posicións sempre críticas. Pero, hai tamén máis incapacidades, aí están as crises de UGT e de CCOO (ruptura do PCG incluída); ou a da INTG. Mentres, outros apostaron por relanzar os seus territorios a costa de Ferrol e do noso naval.

O aprobado o 26 de febreiro no Parlamento galego para o dique flotante é claramente insuficiente. Pero, ten un alto significado político. Rompe á dereita, que avoga por desmantelar Navantia (aí está o “plan de axuste”). A emenda é un éxito dos cidadáns e sindical, e tamén do socialismo e da deputada Beatriz Sestayo. Ese, e non outro, é o problema para algúns.

O alcalde de Ferrol e o seu deputado autonómico van a contrapé debido a súa submisión partidaria. Así, tamén “pola esquerda” se lles fai moi duro soportar o protagonismo socialista. En AGE movéronse entre o si que querían os máis afíns á esquerda sindical e o non do sindicalismo nacionalista. E no BNG seguen na súa estratexia de confrontación contra todo aquelo que se mova e non sexa de obediencia UPG.

O éxito ferrolterrán pasa por aumentar a presión sobre os Gobernos do PP. Toca mobilización cidadá, unidade sindical e da esquerda. Pero, non vaia ser que os “apparatchiks da nova-vella esquerda” sigan pensando que primeiro é a competencia electoral que Ferrol.

Os socialistas ferroláns fan unha clara aposta pola unidade da cidadanía, dos sindicatos e do conxunto da esquerda. Esa é a base do noso pacto por Ferrol e dese modelo de cidade e comarca, que temos que construír. Os tempos son chegados e xuntos… Podemos!

Enlace ao Diario de Ferrol