Domingo en campaña

Este vindeiro domingo non acaba a campaña, realmente é o día en que comeza a das municipais do 26 de maio. Será moi interesante saber como vai influír o resultado das eleccións xerais e a sorte que vaian a sufrir os diversos partidos. Máis, cando en Ferrol hai unha morea de grupos que pretenden ter opcións para sentarse na nova Corporación.

Todo apunta a que Rey Varela vai ter que redeseñar a súa estratexia electoral por xogar a ser o Rivera que quere pescar polo centro, alén da dereita e na dereita. O certo é que lle poden restar Lavodrama, os abascales e, moito máis, o seu ex secretario xeral, o señor Langtry. Na esquerda, espérase a novidade que representa un candidato socialista moi crítico coa política municipal, destes últimos anos. Porque, basicamente, aí está o miolo: un goberno dun PP débil, ou o socialista Ángel Mato que, desde a esquerda, busca amplos consensos por Ferrol.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/domingo-en-campana/20190424232438254794.html

Vulnerables

Son noticias que aparecen de cando en cando, dun mundo que a maioría da poboación considera que non é o seu. Pero que si forman parte do noso e son mulleres vulnerables, neste caso venezolanas en situacións extremas, traídas por unha mafia de proxenetas para “ofertar ao mercado local”. Seguramente, a maioría da cidadanía de Ferrol non sinta ningunha responsabilidade. Nin os “consumidores” -eufemismo que oculta a violencia do “sexo de pago”- que deberan ser sancionados.

Así a policía acaba de intervir no barrio do Inferniño e nas rúas Concepción Arenal, Armada Española, Independencia, Estrada de Castela, Avenida de Vigo… E amparados na nosa indiferenza e no nome da suposta liberdade de quen está en situación de risco, hai quen leva no seu programa electoral legalizar a prostitución, abusando dobremente de mulleres vulnerables. Os únicos interesados son os proxenetas que serían recoñecidos como “emprendedores”.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/vulnerables/20190403212102252710.html