Turistas

É certo que aínda queda parte da temporada por diante, pero xa vemos como a presenza dos turistas comeza a amainar e a primeira impresión, vista desde fóra do sector, é que en Ferrol e na nosa comarca, as expectativas de gasto de moitos hostaleiros non se cumpriron. É certo que tivemos moita xente da capital do reino de España e do sur que, basicamente, buscaban tranquilidade e escapar das altas temperaturas, pero alén do aloxamento, “viñan cos cartos medidos”.

Precisamente agora, debera haber unha suma, por parte dos distintos concellos e administracións, para acordar un modelo de turismo de calidade fronte o do Mediterráneo e sería interesante saber datos oficiais desta campaña. É evidente que o futuro inmediato vai cambiar, incluso para a poboación local. Evitar disfuncións, subas especulativas dos alugamentos ou servizos municipais colapsados deberan formar parte dos asuntos a resolver a curto prazo.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/3114260/turistas

Vivendas en alugueiro

Estamos asistindo a un sostido aumento do prezo da vivenda en alugueiro no conxunto de Galicia. É certo que Ferrol vai por detrás da media, pero non é casual que aquí haxa xa algún fondo voitre facendo acopio de inmobles.

É certo que hai un importante parque de vivenda municipal, para o cal é necesario a actualización “definitiva” do seu padrón, fixar criterios obxectivos e sustanciar dunha vez os dereitos históricos dos (poucos) propietarios de Recimil. Tamén hai vivenda da Xunta de Galicia. O normal sería unificar uns criterios obxectivos e avaliables temporalmente.

Mais a Administración Autonómica só axuda a un 20% das familias en dificultades económicas. É a única que non achega recursos propios, só xestiona os cedidos polo Goberno de España. Así mesmo, acaba de expulsar a máis persoas ao baixar en 300€ o tope de ingresos. É dicir, se vostede gaña 1076€ non ten dereito segundo a Xunta de Galicia.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/vivendas-en-alugueiro/20190918232037265019.html

Inquilinos

A etapa de desafiuzamentos e os problemas que ocasionan o alugueiro turístico, na vida da cidadanía, ten unha contra parte positiva como é a organización das e dos afectados. Así, están poñéndose en marcha “sindicatos de inquilinos e inquilinas”, incluso no caso barcelonés -recentemente constituído- houbo unha colleita de achegas financeiras usando o sistema de micro doazóns, que permitía a calquera persoa apoiar esta iniciativa.

Resulta moi interesante que grupos de veciñas e veciños queiran impulsar a defensa do dereito constitucional á vivenda e un alugueiro accesible, estable, seguro e digno. Agora estas novas “organizacións sindicais” están nunha campaña de dar a coñecer as súas propostas e provocar cambios nas leis. Propostas que van desde garantir unha maior duración dos contratos, a volta ao IPC ou que as administracións públicas promovan alugueiro de titularidade pública.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/inquilinos/20171214002124210971.html