Salvados polos libros

Cando pase un tempo seguro que teremos estudios de como afecta a pandemia da Covid-19 aos diversos eidos da nosa vida e saúde. Un dos máis interesantes será aquel que teña que ver coa emocional, de como facer fronte ao illamento e, en moitos casos, á soidade.

Ese vinte e cinco por cento de suba xeral nas vendas de libros con respecto aos anos anteriores, resulta ser unha boa nova. Aquela lenda urbana que falaba da fin do libro en papel e dunha redución ao mínimo dos nosos hábitos de lectura, resultou chocar coa realidade.

En cada localidade, nós en Ferrol, deberíamos agradecerlles ás nosas libreiras e libreiros a súa vocación. A súa pelexa diaria por manter os seus negocios tan maltratados pola nosa sociedade. Libraría Galiano, as dúas Centrales, a do Cantón, Estraviz, Limiar (sumen a esta lista todas esas que faltan)… tamén son parte fundamental na loita contra todas a vagas da pandemia.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/salvados-polos-libros-3390848

Bon tempo

Levamos uns anos que temos o tempo “un pouquiño mareado”. Na mesma semana temos xeo, frío, calor e auga, manga curta e dobre. Resulta rechamante que nestas datas, acabadas de nadal, a estes “días primaverais” por momentos, todos – prensa incluída – dámoslles a etiqueta de “bon tempo”. Lonxe quedan aqueles invernos rigorosos, onde comezaba a chover en setembro e non paraba até o mes de xuño.

Así vese, novamente, a importancia da linguaxe e a nosa subxectiva visión de curto prazo. Baixo este traxe, en Ferrol, non somos quen de ver que tamén estamos a padecer unha situación de crise climática. Afortunadamente, aínda non azoutan os fenómenos medioambientais doutras zonas do país.

O que si, xa afecta á nosa vida. Díganllo, por exemplo, ás xentes do campo coas colleitas queimadas, ou nós mesmos, que – ante esta confusión de estacións – non sabemos que roupas poñer ou comprar para o día seguinte.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/bon-tempo-3367326

Blackberry

No 1984 tan literario naceron as BlackBerry. Supoño que como moitos de vostedes eu tamén quixen ter unha. Era un móbil elegante, diferente. Agora as tradicionais deixarán de ter asistencia técnica, simplemente porque o mundo é de Apple e dos Android. Xa ven como todo pasa.

Co desenvolvemento da telefonía viñeron as redes sociais e con iso cambios culturais profundos, que se non somos quen de ser críticos, acaban provocando en nós unha permanente angustia que obriga a que resolvamos as nosas cousas cunha inmediatez compulsiva sen sentido.

A maiores, neste nadal en Ferrol vimos pola rúa a moita xente inquieta, seguramente un xeito de expresar o seu desacougo pola persistencia da pandemia. Si, estamos cansos, fartos de restricións e de contaxios. Fágolles unha proposta, fagamos só unha paradiña. Respiren. A felicidade é outra cousa e seguro que encontramos o camiño. Márcollo como tarefa para este 2022.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/blackberry-3362144

A foto

Foto de @jorgemeis para Diario de Ferrol

O día previo ao dos Inocentes, tivemos a visita do vicepresidente Francisco Conde, anteriormente conselleiro de Industria (responsabilidade que foi renomeada para ocultar as competencias exclusivas que o noso Estatuto atribúe ao goberno galego). Diversos axentes sociais estiveron presentes por estar convocados, aínda que eran conscientes de que só tratábase dunha foto.

As grandes achegas poden resumirse en novamente “poñer en marcha” unha oficina territorial da Xunta e reivindicar, outra vez, a zona franca para Ferrol. Facer culpable a Pedro Sánchez da falta das infraestruturas de Ferrol (que foron adiadas pola supeditación do PP á dereita económica da cidade da Coruña), como reivindicar o comezo da fragatas F110 (que sufriron un grande atraso atribuído a intereses persoais do ex ministro de Rajoy, Pedro Morenés). A estas alturas, necesitamos moito máis que proclamas baldeiras.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/foto-3355551

Un tal Pérez

A poucos van aparecendo unha nova xeira de escritoras e escritores galegos, que contan historias desde a visión das xeracións que tivemos a sorte de vivir – practicamente – todo o noso devir en democracia. Hai unha literatura de novo trazo, moi fresca porque son de xentes que teñen as mesmas vivencias comúns que calquera. Deste grupo forma parte Llerena Perozo Porteiro que, recentemente, pasou polo Ateneo Ferrolán.

Aínda que non é a súa primeira inmersión literaria: “Pérez, historia dun triunfo” (Galaxia 2021) é a súa primeira novela. Un relato sutil pero sen concesións. Un “machista de pro” con éxito social, unha crítica ao oportunismo político e, por riba de todo, a historia de mulleres que sofren violencia de xénero e, nalgúns casos, sadicamente prostituídas. Unha historia de supervivencias, feminista, embargado de sororidade e que busca sumarnos. Historias reais para este mundo noso. Si, noso.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/perez-3349381