Actitudes

Hai unha serie de prexuízos sobre Ferrol e as súas rúas baleiras e as súas xentes desaparecidas. Parece que se un vai a Lugo, ou a Vigo hai moito máis. Quizais Santiago comeza a pagar polo “vicio” dos seus pisos turísticos, que provoca unha emigración dos seus estudantes a outros campus. Ou se prefiren quedar na Coruña, e pasear pola súa rúa Real e polas que están á carón, igual observan ringleiras de comercios pechados (como no resto das grandes cidades), pero si moita xente paseando.

É dicir, a crise do 2008, ás sucesivas (incluída a da pandemia), afectaron a todos por igual. Vese nas súas trazas urbanas, pero igual cren máis en eles mesmos que as xentes de Ferrol na súa cidade e nas súas propias posibilidades. Seguramente, ser unha cidade creada polo Estado ten as súas vantaxes. Pero, pola contra, aquí parece que todo depende de fóra e por iso estamos nesa eterna espera de non se sabe que.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/actitudes-3784776

Blackberry

No 1984 tan literario naceron as BlackBerry. Supoño que como moitos de vostedes eu tamén quixen ter unha. Era un móbil elegante, diferente. Agora as tradicionais deixarán de ter asistencia técnica, simplemente porque o mundo é de Apple e dos Android. Xa ven como todo pasa.

Co desenvolvemento da telefonía viñeron as redes sociais e con iso cambios culturais profundos, que se non somos quen de ser críticos, acaban provocando en nós unha permanente angustia que obriga a que resolvamos as nosas cousas cunha inmediatez compulsiva sen sentido.

A maiores, neste nadal en Ferrol vimos pola rúa a moita xente inquieta, seguramente un xeito de expresar o seu desacougo pola persistencia da pandemia. Si, estamos cansos, fartos de restricións e de contaxios. Fágolles unha proposta, fagamos só unha paradiña. Respiren. A felicidade é outra cousa e seguro que encontramos o camiño. Márcollo como tarefa para este 2022.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/blackberry-3362144