O traballo

Estes días hai quen debatía, en diferentes faladoiros, os cambios que a poucos traen as novas xeracións sobre a súa idea do traballo. O certo é que hai uns trinta anos houbo quen decidiu buscar, tanto unha redución xeral de salarios como crear unha inmensa bolsa de precariedade, buscando a submisión, máis que unha falsa competitividade de baixo perfil.

Falábase como determinadas empresas serias de Ferrolterra tiñan dificultades para pasar a fixos a unha parte do persoal, porque algúns deles buscaban máis tempo persoal, aínda que fora en detrimento do salario e por iso desbotaban consolidar o posto. Si, hai tempo que produto destes anos de precariedade, moita xente moza decidiu vivir con menos, pero para as súas cousas. Sen responsabilidades engadidas. Non é unha rebelión, pero produce cortes nos sistema, porque – de algún xeito – produce unha implosión do mesmo “por abandono da man de obra”.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/traballo-3775452

Axuda no fogar

Se a política municipal ten sentido é precisamente para traballar pola cidadanía, e unha sociedade que mereza o nome como tal debe prestar especial atención aos máis vulnerables. Por iso resulta curioso que todo aquelo que ten que ver coa área de Benestar Social sexa sempre o “patito feo” e nunca se poña a súa labor en valor.

Estes días vense de aprobar o novo servizo de axuda no fogar. Un dos máis importantes contratos que vai redundar nun beneficio directo á cidadanía, pero tamén ás propias traballadoras (maioritariamente son mulleres) que estarán subrogadas e con mellores condicións que as actuais.

Este é un contrato que xustifica de seu un mandato municipal. E por moito que algúns pretendan minusvaloralo é un grande feito e unha realidade a súa transcendencia. É un xeito de facer cidade, porque – se algúns aínda non o saben – Ferrol é a súa cidadanía, sexan usuarios ou xente traballadora.

https://www.diariodeferrol.com/texto-diario/mostrar/2891275/axuda-no-fogar

Báñez

A sobre actuación da ministra Báñez non durou nin dous telediarios. A “primavera do emprego e da recuperación económica” non é tal. Aumenta o paro e nin a suba do turismo axuda, e practicamente todo o emprego creado é temporal e de baixa calidade. Ferrol e a comarca foron na mesma senda este agosto, a pesar de haber unha morea de xente dun lado para outro. Iso si, Feijóo saca peito por uns resultados galegos aparentemente mellores, aínda que non significativos no conxunto de España.

Si, aumenta o emprego en Galicia aínda que case todos os novos contratos son en precario. E as nosas contas van mellor a causa do aumento das exportacións da empresas galegas -ante a ausencia de demanda interna- e aumenta a renda galega, grazas a que tamén exportamos moreas de galegas e galegos cara á emigración. Hai recuperación macro económica, pero o reparto dos beneficios é claramente desigual.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/banez/20170906233459201667.html

Precariedade

O actual panorama laboral é dunha gran fragmentación, onde prima a relación individualizada para así garantir a desprotección e despersonalización da e do traballador. Estanse a usar diversos mecanismos como a avaliación individualizada da produtividade, que normalmente básase en criterios cuantitativos e nas características da e do traballador. Isto supón estar exposto a unha gran subxectividade sumado a un sistema arbitrario de obxectivos, cando ademais non veñen acompañados dos medios nin dos tempos necesarios

Estamos nunha concepción da seguridade no emprego que se basa só na empleabilidade, que carga a responsabilidade sobre as e os propios traballadores, dende os fracasos ata o desenvolvemento da súa saúde. O exemplo máis claro é cando dende a propia Seguridade Social, que asume este modelo laboral, ou das propias empresas informan dos custes das baixas laborais. Todo sexa pola despersonalización, todo sexa en favor do capital.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/precariedade/20160706215246159467.html

Obsesións neocons

“A obsesión pola igualdade foi un dos grandes males endémicos do ensino, convertido nunha máquina de xerar parados e no que sobran universitarios que deben ser trasferidos á formación profesional”. Quen fai esta afirmación é un exdirectivo de Merrill Lynch, vinculado a unha fundación da banca española. Novamente, veñen a nós propoñer unha serie de reformas que buscan a desaparición do ensino público e aumentar a precariedade laboral.

Deixemos claro algunhas cuestións básicas. Temos unha organización da economía e das empresas obsoletas, que obedece máis a cuestións ideolóxicas e a aceptación dun papel subsidiario dentro da Unión Europea e que explican a falta de liderado da gran patronal española e o seu carácter clientelar. Así, tamén, por eficiencia económica e organizativa, e por coherencia democrática, toca que as e os empregados participen da xestión directa das grandes e medias empresas.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/obsesions-neocons/20160331002905150302.html