Quince meses

Estamos a quince meses das eleccións municipais e tras o incendio, acontecido na dirección estatal do PP, é evidente que estamos nun novo escenario que vai ter unha influencia determinante. Está por ver se a vella dereita vai ser quen de frear a súa sangría cara aos ultras ou se ben, en Ferrol, vai favorecer o agromar unha candidatura deste perfil antidemocrático.

Desde o goberno municipal vanse anunciando unha xeira de intervencións, moito máis alá dun simple retoque urbano e que vai a cambiar de extremo a extremo a cidade tal e como agora a coñecemos. Mentres, tanto Ferrol en Común coma o BNG quéixanse de que non teñen influencia nas políticas desenvolvidas polo alcalde socialista Ángel Mato. Son as consecuencias directas de quedarse fóra do grupo de goberno. Estar fóra, máis cando a oposición e única alternativa real está liderada por José Manuel Rey e os Populares, éche un mal negocio.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/quince-meses-3456094

José Torregrosa

As veces as palabras non chegan para definir as cousas da vida e menos se se trata de xente – radicalmente – humana como José Torregrosa. Son case vinte e cinco anos de amizade e colaboracións en diversos eidos. El como mestre, eu como simple alumno ao que lle gustaría, aínda que fose só por un momento imitalo.

Torregrosa novelista de “Abordajes” e “Nadie y Polifemo”, crítico de cine, periodista vinculado a este xornal, autor teatral, poeta e contador de contos. Profesor xubilado do Colexio Ludy. Fundador de coñecidas entidades culturais. Colaborador en miles de proxectos en Ferrol. Cultura, compromiso e humanismo.

Son dos que cre que un debe recoñecer as súas débedas persoais: permítanme contarlles que el regaloume a súa amizade e media vida de horas de compromisos e complicidades. Incluso o título desta columna, “Letras de cambio”, foi unha suxestión del. Meus afectos para José Torregrosa.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/jose-torregrosa-3447391

Servizos Bancarios

Houbo un tempo que entrar nun banco a facer calquera xestión era sinónimo de que formabas parte da sociedade. Incluso había quen escoitaba o que tiñas que dicir e podías ir á hora que che conviña. Agora -dáme igual a entidade bancaria – aquilo está máis baleiro que a estepa siberiana. De feito, xa é un sitio incómodo para calquera cidadán de Ferrol.

Se vostede ten a oportunidade de cancelar unha hipoteca e con ela o seguro de vida que garántelle ao seu banco que sempre vai cobrar, síntoo. Non recibirá ningún parabén por cumprir con tantos anos de facer contas. O primeiro será apercibirlle que debe vostede sumar un novo seguro ou aumentar as contribucións a ese fondo de pensións privado que vostede non quería.

Todo isto, disfrazado de “transición dixital”. É dicir, para ter os nosos cartos temos que “converternos” no persoal do propio banco e dar as grazas, porque isto é a “modernidade”…

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/servizos-bancarios-3435495

Anuncios electorais

Hai que felicitar a Martina Aneiros que, tras once anos de concelleira, ocupa xa a delegación territorial da Xunta de Galicia para Ferrol. Este é un nomeamento cunha grande carga política e electoral, reforzado ademais cun perfil persoal e profesional estreitamente vinculado á cidade.

É certo que ás urbes séntalles ben os períodos preelectorais. Tras a nova delegación da Xunta – esperemos que con contidos reais – chegan unha serie de novas por parte de Feijóo, que máis parece terse autonomeado concelleiro número vinte e seis de Ferrol.

O anuncio dunha nova senda peonil e carril bici do porto até a Cabana ou a Zona Rexurbe para Ferrol Vello parece que deixan de ser un simple cartel á carón da Praza Vella. Incluso é gratificante saber superadas as reticencias da dereita cara á figura de Carvalho Calero e a súa casa natal da rúa San Francisco. Ou o financiamento “ilimitado” das ampliacións do Marcide.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/anuncios-electorais-3426153

A pancarta

Desde os anos oitenta a cidade de Ferrol perdeu unha terceira parte da súa poboación. Cada día estamos máis lonxe das grandes cidades galegas, que máis ou menos van mantendo os seus niveis, e no noso caso nin as subas puntuais, doutros concellos da comarca, compensa esta perda poboacional. Isto trae consigo unha perda de músculo industrial.

Estes días estivo a ministra de Transportes Raquel Sánchez. Desde o seu partido faláronlle dos déficits nas infraestruturas, xentes doutro partido decidiron ir a dar voces cunha pancarta.

Si, cada quen é libre de facer como considere. Pero, os partidos con verdadeira vocación de mellorar a vida da xente, de forxar maiorías sociais, con ambición de goberno non mandan – a un acto – aos seus membros a molestar aos militantes dos partidos que son os teus socios preferentes. Ás veces unha pancarta exhibe as carencias do seu portador.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/pancarta-3418096