Cantigas de Santa María

O pasado venres tiven ocasión de escoitar a Carlos Callón na presentación da súa última achega: “O libro negro da lingua galega” (Editorial Xerais 2022), organizada pola Sociedade Cultural Medulio. Nese percorrido de afrontas ao galego chamoume a atención a súa referencia ás Cantigas de Santa María, que no seu leito de morte Alfonso X O Sabio reclamou, aínda que non foron suficientes como elemento curador.

Pero, volvendo ao asunto. Resulta que a pesar de ser unha obra escrita na nosa fala no século XIII, aínda hoxe hai textos escolares que manteñen unha suposta escrita na lingua de Castela. Unha vez máis, vese como a manipulación política é capaz de crear unha realidade paralela, o asunto é sempre que a historia sirva para xustificar as políticas do presente. Moi poucos coñecen que o reino de Galicia ocupaba a metade da península medieval e que o galego era a lingua de prestixio usada por todos.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/cantigas-santa-maria-3833937

Carvalho

Dicir que Carvalho Calero e Ferrol teñen unha relación estreita é obvio, aínda que habería que saber diso fóra do ámbito político – cultural. O 10 de maio tiven ocasión de asistir ao acto da Sociedade Cultural Medulio, organizada na Libraría Galiano. Alí puiden facerme cun magnífico exemplar da súa obra literaria, editada por Biblos e co patrocinio do Parlamento galego.

Estes días chegábame un exemplar editado polo padroado de Rosalía de Castro en 1973 que traía os “Cantares Gallegos”, “Follas Novas” e o “En las orillas del Sar” da nosa matriarca e cun prólogo do propio Carvalho. Sei tamén da boa acollida que tivo o ano pasado, co Día das Letras Galegas dedicado a este ferrolán, do libro de Embora cos seus poemas seleccionados por Dobarro e ilustrados por Calros Silvar. É dicir, afortunadamente, os libros seguen a dar vida á vida das e dos autores, especialmente se teñen algo que aportar.

https://www.diariodeferrol.com/articulo/opinion/carvalho-3766830