Outra oportunidade

A vida sempre dá oportunidades para rectificar e andar novos vieiros. Así a posibilidade dun acordo das esquerdas ao que deberían sumarse os nacionalistas, para ter os primeiros orzamentos deste novo mandato municipal, é unha oportunidade para todos eles. Rectificar a deriva a ningures que leva dende hai tempo o noso Concello. Non debería haber liñas vermellas infranqueables, senón a posibilidade dun verdadeiro encontro dos partidos progresistas.

Hai ademais que darlle o empurrón definitivo á remodelación da nova praza de Armas e á peonalización da Magdalena, cuestións que xa foron refrendadas pola cidadanía cando votaron unha maioría de esquerdas para Ferrol, nas últimas eleccións locais. Esperemos que esta oportunidade sexa aproveitada por todas as implicadas e implicados, que non sexa unha serpe de verán. Xóganse moito as esquerdas ferrolás, a súa credibilidade para o resto do mandato.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/outra-oportunidade/20170705214514195195.html

Redes de esperanza

Hai dez días o sociólogo Manuel Castells presentaba a segunda edición do seu libro “Redes de indignación e esperanza”. Un estudio das diversas primaveras, do 15M e das súas respostas á alienación desta crise tan oportunista. É certo que as esquerdas clásicas, tanto política como sindical, están atrapadas polo seu compromiso cun pacto social que as dereitas xa non consideran necesario. Aí está o golpe da banca alemá contra o pobo grego e o seu referendo.

Pero, a superación dos medos por parte da xente, obriga as institucións a cambios de fondo. Aí están as novas redes e movementos sociais, que hoxe ocupan o papel central que antes tiñan sindicatos e partidos. A loita fundamental é a batalla por conformar un novo xeito de pensar, e a coacción -incluída a “lei mordaza”- non pode garantir a supervivencia das vellas hexemonías sen consenso social.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/redes-esperanza/20150730013357130435.html

Dez de Marzo

O martes debera ter sido un día especial para Ferrol. Unha data que tiña que ter reflectida a importante achega que fíxose para a ruptura da ditadura franquista e para a apertura á democracia e ás liberdades. Pero, estes días que tanto fálase de falta de liderado político na nosa cidade, igual tamén, hai que falar de isto dende o eido sindical. Neste dez de marzo víase que cada quen está ao seu e nin xuntos suman o que deberan.

Non é hora dunha reflexión conxunta? Que fixemos mal para que non podamos ir xuntos detrás da mesma pancarta e porque, nin sequera, as organizacións sindicais lograron converter o dez de marzo nunha data a celebrar polo conxunto de Galicia? O certo é que fóra de Ferrol vese case como algo exótico, dunha cidade que carece de proxecto propio e referentes actuais. É necesario un cambio de rumbo, alén da unidade circunstancial.

Enlace web a Diario de Ferrol.

Miscelánea

O tempo dirá se, a asemblea de onte, é a máis importante das últimas décadas para os traballadores de Megasa. Acontece isto por un exemplo claro de como o dereito de propiedade -que sempre debe estar supeditado ao interese xeral- vulnera os dereitos laborais. Como diría Bensaïd a propiedade duns poucos é a desposesión dos demais.

O PSOE ten unha oportunidade en Podemos, se aparta a quen o ata ao pasado inmediato da crise. Estou cos socialistas gregos integrados en Syriza e porque cambiemos o mundo de base. O camiño das esquerdas está na súa unidade, programa e hexemonía.

Engado á miña biblioteca o “Alabardas” de Saramago. A novela que el non puido rematar. Isto déixanos a posibilidade de ir quizais polos mesmos camiños do portugués. Ser o Artur Paz Semedo que busca a verdade da fábrica de armamento e das súas reflexións sobre o lado escuro da política.

Enlace web a Diario de Ferrol.