Redes de esperanza

Hai dez días o sociólogo Manuel Castells presentaba a segunda edición do seu libro “Redes de indignación e esperanza”. Un estudio das diversas primaveras, do 15M e das súas respostas á alienación desta crise tan oportunista. É certo que as esquerdas clásicas, tanto política como sindical, están atrapadas polo seu compromiso cun pacto social que as dereitas xa non consideran necesario. Aí está o golpe da banca alemá contra o pobo grego e o seu referendo.

Pero, a superación dos medos por parte da xente, obriga as institucións a cambios de fondo. Aí están as novas redes e movementos sociais, que hoxe ocupan o papel central que antes tiñan sindicatos e partidos. A loita fundamental é a batalla por conformar un novo xeito de pensar, e a coacción -incluída a “lei mordaza”- non pode garantir a supervivencia das vellas hexemonías sen consenso social.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cendan/redes-esperanza/20150730013357130435.html

Ben Común

Á marxe das súas deficiencias, o 15M logrou implementar un amplo debate sobre a necesidade de revitalizar a democracia e impulsar a súa base material, o Estado de Benestar. Debate tamén transversal nas forzas de esquerda, aínda que estas andan máis preocupadas en asuntos internos.

Por iso, son tan importantes as propostas de plataformas como “Iniciativa Ben Común”, especialmente cando quen provocou a crise económica, e na esperanza de ocupar case todo o poder político o 20N, sobreactúa coa intención de xustificar a ruptura unilateral dos pactos da Transición e así, desmantelar o débil modelo social e político español nacido coa Democracia.

As propostas de transparencia e rexeneración democrática, de maior proporcionalidade na lei electoral, de priorizar as necesidades das persoas, a defensa da nosa identidade nacional como pobo; que dende a plataforma Ben Común están a propoñer deberan chegar a bo porto.

Quizais, a proposta de candidaturas conxuntas da esquerda para o Senado sexa difícil de artellar pola proximidade das eleccións xerais. Pero, tras reunirse con Esquerda Unida e o Bloque Nacionalista Galego, en breve os do “Ben Común” farano coa dirección nacional do PSdeG. Unha proposta necesaria e similar ao acordo entre as esquerdas catalás.

Que todas as propostas frutifiquen en acordos, abrindo novos vieiros para a construción dunha saída progresista á crise e dunha verdadeira alternativa política en Galicia.

Ver artigo no Diario de Ferrol.