Temos orzamentos

O sentido común volve ás formacións da esquerda ferrolá. A cidade contará cun novo orzamento, condición primeira para saír da situación actual de parálise administrativa. Si, non foron quen de poñerse de acordo en tres anos, e acadaron o acordo máis importante de todo o mandato municipal nuns poucos días. Son moito mellor uns supostos malos orzamentos, que non telos pola incapacidade de non antepoñer os intereses de Ferrol.

O outro asunto, pero que tamén ten a súa importancia, aínda que tapado pola aprobación das contas municipais, foi a sentenza xudicial que anula o reparto das dedicacións exclusivas, entre o PP e o populismo autoritario local. A mensaxe é clara: as retribucións económicas veñen dadas da responsabilidade na xestión municipal, non dun reparto caprichoso.

Quedan abertas as municipais do 2019. Espérase autocrítica, responsabilidade e renovación fonda nas listas da esquerda.

https://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/temos-orzamentos/20180516232625226019.html

Salvemos a Piolín

A Warner anda preocupada pola imaxe do seu Piolín, convertido en incómoda icona do conflito catalán, desde que o ministro Zoido mandou ese buque vacacional como hoteliño para gardas civís e policías nacionais. Mentres, neste lares tivemos a apertura das obras no túnel de Brión para o acceso ferroviario ao Porto Exterior -e ante ausencias significativas- case convertida nun acto electoral, que parece abrir definitivamente esta longa precampaña cara ás municipais do 2019.

Así tamén cúmprese un ano da ruptura do pacto que sostiña ao actual alcalde de Ferrol, con reproches cruzados e curiosamente -como así temos lido nas páxinas deste xornal- a voceira municipal do PP exoneraba de toda culpa á socialista da situación na que se atopa o goberno local. Si, unha desfeita da que aínda nos esperan moitas crónicas. Mellor miremos fóra: Rajoy chama pronto a Puigdemont e salvemos a Piolín.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/salvemos-a-piolin/20170928002557203898.html

A vida sigue igual

Recoñézoo, non son fan de Julio Iglesias. Aínda que supoño que a maioría deben ser da quinta da miña nai, debe ter moitos seguidores na actual corporación ferrolá. A mediados de setembro, os mesmos anuncios e as mesmas respostas. Uns que veñen marcharán e a vida continuará igual, esta parece ser a banda sonora da política local desde fai moito tempo.

Baixo o mantra do “consenso” uns e outros seguen a construír ese muro Trump local, onde poder chorar as lamentacións da república independente da nosa casa. Hai quen está pola peonalización pero desexa o fracaso desta fin de semana, hai quen está pola licitación da reforma da praza de Armas ou do mercado de Caranza, pero para dentro de dous anos. Hai que resolver a subrogación do persoal de Emafesa e municipalizar? Pois prioritario aprobar uns novos orzamentos municipais para Ferrol. Máis, quen pon en sintonía a Suárez, Sestayo e Rivas?

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/a-vida-sigue-igual/20170920233250203149.html

Outra oportunidade

A vida sempre dá oportunidades para rectificar e andar novos vieiros. Así a posibilidade dun acordo das esquerdas ao que deberían sumarse os nacionalistas, para ter os primeiros orzamentos deste novo mandato municipal, é unha oportunidade para todos eles. Rectificar a deriva a ningures que leva dende hai tempo o noso Concello. Non debería haber liñas vermellas infranqueables, senón a posibilidade dun verdadeiro encontro dos partidos progresistas.

Hai ademais que darlle o empurrón definitivo á remodelación da nova praza de Armas e á peonalización da Magdalena, cuestións que xa foron refrendadas pola cidadanía cando votaron unha maioría de esquerdas para Ferrol, nas últimas eleccións locais. Esperemos que esta oportunidade sexa aproveitada por todas as implicadas e implicados, que non sexa unha serpe de verán. Xóganse moito as esquerdas ferrolás, a súa credibilidade para o resto do mandato.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/outra-oportunidade/20170705214514195195.html

Campo de batalla

A verdade que a imaxe pública e a situación da nosa administración local non son moi boas. Así que outra concelleira ferrolá dimita e marche -e van oito persoas- case que resulta normal. A situación local é tan chocante que máis parece un campo de batalla que vai triturando aos seus participantes. E chegoulle a hora aos nacionalistas que parecían estar un pouco á marxe e mirando dende lonxe.

Pero, esta saída amosa que a eles tampouco vailles ben, de feito tiveron que tirar un pouquiño da lista por varias renuncias. Hai dous anos parecía que ían ser os árbitros da situación ante a minoría na que se atopaba o “bigoberno”, que semana tras semana ían pasar a súa factura e marcarlle a axenda ao alcalde de Ferrol, pero claro, non contaban con que as leas dentro do grupo municipal de Sestayo e Méndez ían levar por diante a súa posición de forza e dun golpe facer saltar o taboeiro.

http://www.diariodeferrol.com/opinion/manuel-cedan/campo-de-batalla/20170615001757193108.html